Reivindicar a Torrente

CULTURA

11 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é doado entender o misterio que se agocha tras a falta de atención da intelectualidade galega ante o noso escritor máis destacado, que non é outro que o novelista Gonzalo Torrente Ballester, o autor de A saga/fuga de J. B., a obra da que o premio Nobel portugués José Saramago dixo que «ata agora había unha cadeira baleira á dereita de Cervantes, que acaba de ser ocupada por esta novela do escritor galego».

Quizais a actitude reticente dalgúns críticos galegos proveña do feito de que Torrente escribiu a súa obra en castelán. Pero se cadra eses mesmos críticos deberían poñerse no intre en que o xenial escritor concibiu a obra, sen unha normativización da nosa lingua. Porque comezou A saga/fuga de J. B. en galego e seguiu mentres puido, ata que se decatou das eivas dunha lingua aínda non feita academicamente. Ó cabo, escribiuna en castelán, publicouse en 1972 (Editorial Destino) e foi recoñecida en 1973 co Premio da Crítica e o Ciudad de Barcelona. Foi traducida ó francés en 1991 e ó portugués en 1992.

A obra acontece en Castroforte de Baralla, cidade inspirada en Pontevedra, e narra as peripecias de José Bastida, quen se ve mergullado nunha lenda popular que, polas súas iniciais (J. B.), lle atribúe o destino de salvar da desfeita a Castroforte, algo que, ó parecer, xa lle viñera pasando ciclicamente ó longo da Historia.

En España, Torrente tivo sempre un déficit de atención por parte da crítica en xeral, pero é obrigado subliñar a moi cualificada atención que lle prestaron críticos como Carmen Becerra e Antonio Gil (autores dunha edición crítica), José A. Ponte Far e o moi cualificado Ángel Basanta, hoxendía secretario da Asociación Internacional de Críticos Literarios. Todos eles atinaron a poñer en valor a enorme achega narrativa de Torrente, caracterizada por unha prodixiosa capacidade imaxinativa e unha gran calidade literaria. Coido que é hora de que se rompa o silencio.

Seica Joyce ironizou con que el escribira o seu Ulises para manter ós críticos enredados durante 300 anos. Basanta considera que quizais Torrente Ballester ben podería ter dito o mesmo a propósito da súa A saga/fuga de J. B.