Anxo Angueira: «Os novos documentos descobren unha esfera nova da vida de Rosalía»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Rosalía retratada con Murguía e os fillos na Casa da Matanza. E detalle dos documentos que recollen a declaración da poeta como contraente para a voda con Murguía.
Rosalía retratada con Murguía e os fillos na Casa da Matanza. E detalle dos documentos que recollen a declaración da poeta como contraente para a voda con Murguía. RAG | © ImAXes AHDM. Archivo Diocesano de Madrid, Arzobispado de Madrid

A fundación da poeta padroesa e a Xunta resaltan o achado que fixa o natalicio da escritora o 23 de febreiro

04 oct 2021 . Actualizado a las 00:39 h.

«É unha descuberta importantísima para todo o rosalianismo». Así cualifica o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, o achado por parte da investigadora galega Sagrario Abelleira no Archivo Histórico Diocesano de Madrid coa colaboración da arquiveira Irene Galindo do expediente matrimonial inédito da escritora con Manuel Murguía datado en 1858. Entre os doce documentos e 43 folios dos que consta inclúese a declaración notarial feita en xuño de 1843 pola súa nai, Teresa de Castro, na que afirma que a data de nacemento de Rosalía é o 23 de febreiro de 1837, e non o 24, como se viña conmemorando facéndoo coincidir co día do bautizo. «Agora temos un documento fidedigno e incontestable, que era o que facía falta para aclarar que día nacera», afirma Angueira. Da mesma opinión é o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García: «Os documentos atopados teñen a contundencia necesaria».

Pero a transcendencia da documentación inédita descuberta agora pola investigadora galega vai máis alá de permitir coñecer a data do natalicio. «A importancia reside en que descobre unha esfera nova, distinta, dos primeiros anos da vida de Rosalía e confirma o papel fundamental da súa nai», resalta Angueira. Incide neste último aspecto -que defendía a filóloga Victoria Álvarez e tamén avalan desde a propia fundación- posto que «houbo un certo tempo» que esta relación clave entre nai e filla non se considerou. Nese senso, detalla -ao igual que fixo a autora do descubrimento, Sagrario Abelleira- que o recoñecemento de Teresa de Castro supón que a poeta «é filla de solteira, pero non de pais incógnitos [como aparecía no rexistro do bautismo]». Tamén o secretario xeral de Política Lingüística subliña que o descubrimento feito por Abelleira supón «botar máis luz sobre un episodio da vida da escritora galega máis universal».

Cambio de día de celebración

Por outra parte, García asegura que a raíz deste descubrimento da acta notarial «haberá que cambiar o día de celebración do nacemento de Rosalía para o 23». Un aspecto que xa abordou co presidente da fundación. Angueira afirma ao respecto que será o pobo quen escolla como facela: «Agora temos un dato fundamental para poñela». Toda esta documentación descuberta dentro da sección de pobres do fondo da Vicaría y Provisorato do Arzobispado de Madrid foi recompilada nun libro que será presentado o xoves no pazo de San Roque, avanza García.

«Agora temos uns documentos extraordinarios da vida de Rosalía, e hai moi poucos», afirma o presidente da fundación, que engade que descubrir esta documentación nun arquivo -como fixo Abelleira- «non era fácil». E sinala que estes achados animan a continuar buscando novos documentos e datos sobre Rosalía. Uns aspectos nos que tamén repara o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta.

O expediente matrimonial revela que a escritora e Murguía se comprometeron en xullo de 1857

O expediente matrimonial de Rosalía e Murguía descuberto por Sagrario Abelleira contén once documentos inéditos. Neles, segundo destaca a investigadora, revélanse datos ata agora descoñecidos. Un deles é que se comprometeran un ano antes de iniciar a tramitación do expediente para casar, que data do 17 de xullo de 1858. Así consta na declaración de contraínte da escritora, na que di: «No ha dado palabra de matrimonio a más persona que a la de don Manuel Martínez Murguía hace un año, y quiere cumplírsela de su libre y espontánea voluntad casándose con él». Pero non é a única novidade. Abelleira tamén resalta que nela a escritora recoñece ser natural da cidade de Santiago e ser filla natural de Teresa de Castro.

Rosalía menciona na súa declaración catro residencias anteriores á da rúa da Ballesta. «Esta última casa é a única que sabiamos compartía coa súa tía María de Castro e os seus primos García-Lugín, pero descoñecíanse as anteriores moradas», resalta Abelleira, pois sempre se considerou que se aloxara exclusivamente na casa dos seus familiares. Na declaración de contraínte de Murguía, este detalla que viviu en catro lugares distintos antes da súa última dirección, que é precisamente na mesma vivenda referida por Rosalía, onde residía desde había catro meses. É outra das achegas que ofrece este expediente matrimonial atopado no Archivo Histórico Diocesano de Madrid.

Na tramitación seguida pola Igrexa para autorizar o matrimonio figuran, ademais, as declaracións de tres testemuñas: Cándido Luanco -que tamén está na acta matrimonial da voda o 10 de outubro de 1858-, Fernando San Julián e Alejandro González-Olivares Antuñano. Pola súa parte, o 9 de agosto de 1858, Teresa de Castro dá consentimento para que Rosalía case, xa que como tiña 21 anos non acadaba a maioría de idade da época. O 1 de outubro, o vicario de Madrid autoriza a celebración do matrimonio.

Un erro na partida do bautizo, ao estar datada en 1836, cando realmente foi un ano despois

Ata o descubrimento do expediente matrimonial en Madrid, o único documento que se atopara que tiña información sobre o nacemento de Rosalía de Castro era a súa partida do bautizo de 1837, que indicaba que o día 24 chegara unha nena á capela do Hospital Real en brazos dunha muller chamada María Francisca Martínez e o capelán rexistrouna no libro de bautismo de nenos expósitos. Pero o capelán errou ao escribir na primeira liña o ano, xa que, tal e como lembra Sagrario Abelleira, figura como data a de 1836. Que se trata dunha equivocación é evidente porque tanto na partida anterior -corresponde a un neno bautizado o día 23- como na posterior -unha nena, o 27- si que figura ben o ano: 1837.

Precisamente, Abelleira explicou que á hora de iniciar a súa investigación sobre Rosalía empezara por comprobar xa os datos coñecidos, como esa partida de bautismo así como a acta do matrimonio da poeta e Murguía o 10 de outubro de 1858 na igrexa de San Ildefonso de Madrid. Foi a partir de aí cando decidiu buscar o expediente matrimonial previo. Para localizalo destaca o fundamental labor desenvolvido pola arquiveira Irene Galindo.