![](https://img.lavdg.com/sc/RHr2hUmeZM-A55OrRSeXbrIbApw=/480x/2021/10/28/00121635451202152523857/Foto/C23G1038.jpg)
Como rosaliólogo saúdo a publicación do volume Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858), editado, con rigor e pulcritude, no pasado mes de xullo, pola Xunta de Galicia. Exhúmanse nel algúns documentos valiosos para ir completando, pouquiño a pouco a biografía da escritora e, tamén, a do seu esposo Manuel Murguía. O saúdo ten que ser moi expresivo para a investigadora Sagrario Abelleira Méndez, que realizou con éxito, e non sen esforzo, un encomiable labor arquivístico. Mercé ás súas indagacións, dispomos de varios documentos para subsanar algunhas pequenas lagoas biográficas que, parecendo pouco, é moito para os interesados nos traballos e nos días de Rosalía de Castro. María Xesús Lama, a súa excelente biógrafa, xa conta con datos que reincorporar.
Seguín con moita atención o que publicou, nestes dous meses, a prensa galega, para a cal, se non vou errado, a achega máis valiosa do volume é o Documento 2, que recolle a acta na que dona Teresa de Castro recoñece, ante o escribano Ángel Montero y Patiño, en Santiago, ser nai solteira de María Rosalía Rita, que este era o nome completo, como xa se sabía, da súa filla. A data, que importa moito, é a do 13 de xuño de 1843. Nesa altura, a nena Rosalía tiña seis anos e case catro meses.
Exposto o cal, cómpre insistir no feito de que a nai xa a recoñecera nun documento oficial (non notarial) do outono de 1842: no censo municipal de Padrón, onde, con dona Teresa, figuran: Rosalía, como filla, e María Francisca Martínez, como criada. Tal documento foi publicado e examinado pola rosalióloga Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, hai bastantes anos, no seu artigo Un importante documento para a biografía de Rosalía de Castro (Grial, 136, 1997). Esta investigación derrubou a lenda de que Rosalía, na nenez, non fora atendida por súa nai, quen, para algúns autores, fora unha nai moi allea á súa filla. Noutros traballos da investigadora (1961-2018) insístese na vinculación de dona Teresa e Rosalía, nomeadamente no titulado A Inclusa de Santiago de Compostela e o caso de Josefa Laureana de Castro (A Trabe de Ouro, 1999).