Amancio Prada!!

CULTURA

12 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O día 2 fun a Tui para escoitar un recital de Amancio Prada, que oín conmovido, como supuña. Na voz e na música deste xograr do século XXI, versos que naceron grandes atopan a expresión —ou unha das expresións— que eses versos reclaman ou suxiren. Os textos interpretados por este prodixioso cantautor téñoos oído en bastantes ocasións, pero Amancio, que nunca foi mimético de si mesmo, sempre os modula cun xeito novo, como se nos falase por primeira vez.

Lembro, décadas despois, a primeira vez que lle oín a inmortal cantiga de Mendiño («Sedíame eu na ermida de San Simón»), que el cantou cunha especial emoción por facelo no escenario onde, no século XIII, a protagonista da ficción literaria desesperábase na espera do amigo, do amado: na illa de San Simón. Aconteceu o 29 de maio de 1982, a data na que duascentas persoas (entre profesores e alumnos do Colexio Universitario de Vigo e do Instituto Álvaro Cunqueiro) aplaudiron os versos desta singular historia de amor, tamén cantada, naquelas datas, pola fadista portuguesa Amália Rodrigues. Amancio tamén sabía que aquel día de 1982 era unha data histórica na biografía da illa: nunca antes fora visitada por razóns literarias. Ignoro se algúns presos políticos do 36 (foi campo de concentración franquista) evocaron a xenial cantiga.

No recital de Tui, Amancio agasallounos con cantigas de amor e de amigo do noso medievo, con poemas de Álvaro Cunqueiro e de García Lorca (en galego e en castelán), con cántigas do cancioneiro popular e coa canción amorosa máis radicalmente ácrata da poesía castelá (de Agustín García Calvo). Como decote, o capítulo esencial foron os versos de Rosalía de Castro. Constituíu unha sesión de arte musical e unha lección de poesía hispánica, como en tantos recitais seus. Resulta estraño que certas facultades de Filoloxía non nomeen doutor honoris causa a este pedagóxico xograr, a este incitador literario. Sabido é que moitas persoas alleas á literatura chegaron á poesía medieval, a Rosalía, a Lorca... desde os seus discos. Tamén a dúas voces inmensas da poesía europea: Jorge Manrique e San Juan de la Cruz.