O simposio sobre Xela Arias arranca con achegas á súa biografía e compromiso vital
CULTURA

O diálogo da autora coa súa propia obra e a súa responsabilidade coa cultura e a sociedade centraron os relatorios
11 nov 2021 . Actualizado a las 21:00 h.A Real Academia Galega celebrou este xoves a primeira sesión do simposio dedicado a Xela Arias, a figura homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas. Unha achega que, a través de diversos relatorios, se centrou na biografía e no compromiso, social e cultural, da poeta, tradutora e editora. O presidente da entidade, Víctor F. Freixanes; a académica e coordinadora da actividade, Marilar Aleixandre; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o fillo e mais a nai da escritora, Darío Gil Arias e Amparo Arias, sinalaron oficialmente o comezo do encontro.
«Xela Arias significa un vento fresco na poesía e na creatividade galega das derradeiras décadas do século pasado e representa tamén o pulo e a creatividade dunha xeración, especialmente importante para a renovación do discurso cultural na procura de novas formas de modernidade», destacou Freixanes na súa intervención. Pola súa banda, Darío Gil, que participou nunha mesa moderada por Yolanda Castaño, salientou diversos trazos da personalidade da nai, mesmo algúns que está a descubrir con ocasión da efeméride do 17 de maio. «Tiven a sorte de que a miña nai me levase a todos os actos e encontros nos que participaba, polo que nos anos do Nunca máis e o Non á guerra puiden vivir moi de preto toda a súa actividade máis comprometida coa sociedade, o que de seguro forxou parte da miña conciencia actual, outro legado que deixou en min», explicou. «Ademais de natural, fronte ao impostado e opulento, e libertaria, ela sempre foi unha loitadora».
Marga do Val achegouse a Xela Arias a través da súa escrita e o diálogo que estableceu con esta. «Retratouse na praza. Retratouse espida. Púxose en bragas e retratouse. Retratouse e revolvéuselle a arma contra ela. Que si, que si. Retratouse e retratounos», incidiu. Outra visión, a de Ana Iglesias, baseouse na amizade que mantivo coa escritora, á que tratou na universidade. «As escollas vitais de Xela Arias van conformando unha persoa que non se deixa arrastrar polo establecido e que é quen de ir contracorrente, aínda que iso conduza ás veces á soidade e o individualismo», analizou.
Outra achega vital e biográfica foi a de Darío Xohán Cabana, que foi lida por Marilar Aleixandre. Cabana coñeceu a Xela de nena e logo volveu a atopala de adulta, como poeta e tradutora: «Foi unha tradutora laboriosa e fecunda, que trouxo á nosa lingua moitas obras senlleiras ou necesarias de varias literaturas», ademais dunha poeta «extraordinaria».