Cristina Pato e Xaime Fandiño reflexionan sobre a idade

La Voz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Retratos de Xaime Fandiño e Cristina Pato.
Retratos de Xaime Fandiño e Cristina Pato. Martina Miser | Miguel Villar

Do 16 ao 18 desenvolverán en Ourense «Esenciais 20/50», un encontro sobre os estereotipos relacionados co envellecemento

02 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai tempo que a Cristina Pato lle gañou a partida a docencia, a investigación e a pescuda nos mares escuros da memoria esquecida fronte á faceta artística. Aínda que a gaiteira e pianista ourensá sempre ten un proxecto á man no que seguir vencellada ao aspecto que a fixo máis afamada e recoñecida. Mentres que a Xaime Fandiño —ex de moitas cousas e sectores: da docencia á creación audiovisual ou a música— a xubilación como profesor de Comunicación Audiovisual levouno dereito a toda unha chea de proxectos e iniciativas de carácter interxeracional porque a súa máxima é non parar e emprender novos proxectos e camiños. Rexeita a terminoloxía ao uso de forma rexa. «O do envellecemento activo é para ir ao Imserso e que te leven por aí. Eu defendo o envellecemento audaz, que é sinónimo de ter un plan vital e uns obxectivos que conseguir», sinala dende os seus 70 anos. Xa se coñecían e decidiron sumar esforzos, xunto con Marina Oural, para poñer en marcha un proxecto que darán a coñecer este venres no Liceo de Ourense.

Esenciais 20/50, que así se chama, é unha iniciativa de Cristina Pato e Xaime Fandiño en colaboración coa cooperativa Cunde e a Oficina Galega de Outros Asuntos en Movemento —da que é codirectora Marina Oural— e está concibida como «un laboratorio de creación e pensamento no que, a través das artes e a sociedade, reflexionaremos sobre os estereotipos relacionados coa idade, manifestados con máis forza que nunca durante a pandemia do coronavirus», segundo se indica dende a organización do proxecto.

 

 

Xeitos de envellecer

Durante tres días, do 16 ao 18 de decembro, desenvolveranse unha serie de iniciativas de contido artístico-social que rematarán cunha mostra escénica no Teatro Principal de Ourense. A cita será o día 18, ás 20.00 horas, e para a mesma contarase «coa colaboración de diferentes artistas co fin de reflexionar sobre os diferentes xeitos de envellecer, xerando un espazo común entre público e participantes da mostra».

Para Xaime Fandiño, que lembra os oito anos que leva promovendo proxectos deste tipo, faise necesario outro tipo de políticas en relación ao colectivo de máis idade. «O que se segue levando ata o de agora está desfasado e hai outras necesidades e outras aspiracións. A xente ten unha vitalidade e unhas inquedanzas que antes non se daban, ou non existían, e faise necesario dar respostas e alternativas para as persoas que teñen outro xeito de ver a vida», sinala Fandiño.

Que desta maneira remate por desenvolver un proxecto con Cristina Pato é un camiño natural. «Levo anos traballando nesta liña e Cristina Pato está moi involucrada nos temas do alzhéimer e o envellecemento. Cadramos nas inquedanzas e foi algo normal que rematásemos nun proxecto conxunto», subliña.