Unha mostra lembrará a Luz Pozo Garza polo seu centenario

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A escritora Luz Pozo (1922-2020) doou no ano 2016 o seu arquivo persoal á Biblioteca de Galicia.
A escritora Luz Pozo (1922-2020) doou no ano 2016 o seu arquivo persoal á Biblioteca de Galicia. Agostiño Iglesias

A exposición na Biblioteca de Galicia incluirá pezas persoais da poeta nada en Ribadeo

25 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro 21 de xullo a escritora Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922-A Coruña, 2020) sopraría as cen candeas. Para conmemorar este centenario, a Xunta prepara unha programación que terá como eixo central unha mostra na Biblioteca de Galicia, con sede na Cidade da Cultura. O proxecto expositivo incluirá varias pezas persoais cedidas no seu momento pola propia poeta, así como achegas de persoas próximas a ela, doutras bibliotecas e arquivos de Galicia e documentación audiovisual.

Con esta iniciativa, desde a Consellería de Cultura pretenden dar cumprimento ao desexo expreso da autora de Códice Calixtino e Rosa tántrica, que en maio do ano 2016 fixo unha doazón da súa biblioteca e arquivo á Biblioteca e ao Arquivo de Galicia. Tratábase de arredor de 5.500 volumes, a maioría de carácter literario e obras de consulta, ademais dunha ampla documentación epistolar entre Eduardo Moreiras e Vicente Aleixandre.

Para complementar a mostra, a consellería tamén prevé a organización de mesas redondas e sesións de música, tendo en conta que a obra de Luz Pozo Garza segue a ser obxecto de interese para os compositores. Outra das posibilidades que se valoran é a de impulsar unha iniciativa no eido editorial, segundo deu a coñecer a Xunta despois da reunión que mantiveron os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, co comité científico organizador da mostra. Este está composto por Carmen Blanco (directora), Xesús Alonso Montero, Xosé María Álvarez Cáccamo, María del Carmen Calviño, Antonio Deaño, Víctor F. Freixanes, Mar García, Pilar García Negro, Aurora López, Olga Novo, María Novo, Manuel Palacios, Andrés Pociña, Fernando Recamán, Armando Requeixo, Claudio Rodríguez Fer, Olivia Rodríguez e Darío Villanueva.

O Arquivo de Galicia xa lle dedicara unha mostra a esta autora fundamental da poesía galega o ano pasado con motivo do Día Internacional da Muller, onde se expoñía parte do seu legado. Así, entre o cento de pezas, atopábanse debuxos orixinais, fotos, correspondencia con algúns dos escritores claves no seu desenvolvemento literario e borradores de publicacións.