Xoán Rubia: «Con este libro quería reflectir un tempo no que non era doado cantar en galego»

CULTURA

Xoán Rubia, retratado en Ferrol.
Xoán Rubia, retratado en Ferrol. José Pardo

O cantante mugardés publica un volumen coas súas lembranzas no mundo da música, cuxo relato se apoia en abundantes fotografías

03 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Evoca o vivido da man de Machado: «... Y al volver la vista atrás / se ve la senda que nunca / se ha de volver a pisar». A súa intención é «facer confesión pública do que a música significou» para el. E foi moito. Así o reflicte Francisco Xosé Xoán Rubia Alejos (Mugardos, 1947) en Pasaba por alí. E quedei un intre (Galaxia), do que este xoves, ás 19.00 horas, falará na libraría Lume da Coruña. Xavier Alcalá, que estará na presentación xunto co xornalista Cándido Barral, pregúntase no limiar: «Houbera ferrolá conxunción de astros do firmamento musical? Non: había conciencia de país asoballado». Ocorría a finais dos anos 60, cando cantaban en galego os ferrolás Vicente Araguas, Andrés Dobarro e Xoán Rubia, entre outros.

«Non pretendín escribir unha biografía nin unhas memorias. A biografía completa sería escribir isto e despois as miñas aventuras no mundo sanitario...», di este enfermeiro xubilado. De todos os xeitos, no libro conta como facendo unha gravación en Audiofilm noutro estudio entrou María Dolores Pradera. Ao cabo dun tempo, a cantante desmaiouse e o seu enfermeiro foi Xoán Rubia.

Está ilusionado con este libro «como se estivera co meu primeiro disco, no ano 1969». Sobre o título, aclara: «Eu sigo crendo que na vida todo son casualidades. Invitáronme a cantar nun colexio maior en Santiago os compañeiros de Ferrol. Cantei e presentouse unha rapaza como prima de Xerardo Moscoso e díxome que sería bo que falase con el porque estaba co da Nova Canción Galega e a similitude era máxima». Coñeceu a Moscoso, con quen conservou amizade plena e fraternal ata que morreu. «Entón díxome que falase con Benedicto e pasei un exame para ver cales eran as miñas pretensións coa canción. Aquilo colleume despistado porque naquel momento Benedicto pareceume máis un comisario político que o portavoz dun grupo de cantantes. Eran as circunstancias: hai que situarse no 68. O que me advertiu foi: ‘‘A nova canción galega está para loitar contra a ditadura, si ou si!!’’».

Despois, volveu cantar «as tres cancións galegas diante do xerente de Edigsa, Claudi Martí. Ás dúas ou tres semanas recibín un telegrama na miña pensión para ir a Barcelona a gravar en Edigsa-Xistral. Aquilo era como se me tocase unha primitiva». Todo isto vai evocando Rubia no libro cun obxectivo: «Quería que quedase reflectida unha etapa, un tempo no que non era nada doado cantar en galego unha canción, aínda que fose dos nosos vates máis representativos. De feito, por cantar unha de Curros na Coruña caeume unha multa».

Mari Trini e Camilo Sesto

Este membro de Voces Ceibes vai fiando a historia dos seus discos, como foi o primeiro en musicar os poemas galegos de Lorca [agora quere «darlles unha volta, facer algo máis intimista»], as actuacións con persoas como Mari Trini e Camilo Sesto na Coruña, a noite de troula, nesa cidade, con Nonito Pereira e Pucho Boedo despois dunha actuación dos Tamara e, claro está, como no último medio século dicir Xoán Rubia e empezar a cantar Catro vellos mariñeiros é todo un.