
Presentan o primeiro libro que recolle a súa obra e traxectoria como ceramista
02 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A obra e a figura de Isaac Díaz Pardo (1920-2012) pódese abordar desde moitas facetas pero quizais sexa a de ceramista na que conflúen tanto a súa vertente creadora como a empresarial e intelectual. Coincidindo co décimo aniversario do seu falecemento, a Deputación de Lugo está a presentar por diversos concellos de Galicia o primeiro traballo centrado monograficamente neste seu labor: A vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo.
Os autores do catálogo son os lucenses Teresa Pena e Fernando Arribas, que deron continuidade á gran exposición que a rede museística provincial levou no 2013 por varios museos galegos para exhibir 350 pezas que amosasen a evolución como ceramista de Díaz Pardo. «A súa obra cerámica é todo un proxecto desenvolto durante máis de sesenta anos que, ademais, se converteu nunha das experiencias culturais e empresariais máis importantes da Galicia contemporánea», enxalzan os autores do libro.
O tomo —no que se recollen textos de Camilo e Xosé Díaz Arias de Castro, Andrés Varela Martínez e Ramón Villares— expón non só a progresión persoal e creadora do artista, senón como toda esa traxectoria acabou confluíndo no que hoxe se coñece como a marca Sargadelos. «Seguindo os principios vangardistas da unión arte-industria e tendo sempre presente o seu compromiso con Galicia, creou un modelo de empresa na que os beneficios reverten en cultura coa finalidade de contribuír á modernización desta terra e á recuperación das súas raíces», sinalan os autores.
Ese carácter democrático da cultura foi o que levou a Díaz Pardo a que a finais do anos 40 abandonase a súa proveitosa, polo económico, carreira como pintor da burguesía de Madrid, e apostase por crear obxector seriados. Así, en 1947, deixa a pintura para trasladarse a Galicia e montar un obradoiro de porcelana no Castro de Samoedo (Sada) que, en 1949, se transforma nunha fábrica xa coa idea de recuperar Sargadelos.
A partires desta data, Pena e Arribas explican cada unha das etapas que marcan a cerámica de Díaz Pardo. No Castro, entre 1947 e 1955, «elabora pezas eminentemente artísticas, de serie limitada, que reproducen as características dos seus cadros, tanto nas formas como na súa formulación cromática, con esas figuras rotundas que constitúen a plasmación cerámica dos espidos da súa obra plástica, pero que non son alleas a un momento de estudo das porcelanas europeas dos séculos XVIII e XIX», argúen os autores.

Foi a boa aceptación que tivo a produción dos primeiros anos o que permitiu o rápido crecemento de Cerámicas do Castro. Así, en só seis anos, a empresa xa contaba con 100 traballadores, sedo este o xerme do grupo Sargadelos. «Conseguirase, xa nos inicios, unha finísima porcelana translúcida, de moitísima calidade, ao tempo que unha gran mestría decorativa que nada lles ten que envexar ás máis prestixiosas marcas europeas», aducen Pena e Arribas.

Etapa vangardista
Na segunda metade dos 50 comeza a súa segunda etapa. «Irá abandonando as lembranzas pictóricas e o clasicismo das formas e xorde o Isaac máis vangardista, da man do cal terá lugar a introdución da modernidade na produción de porcelana en serie en España». Coincide esta etapa co seu traslado á Arxentina onde, en 1957, crea a fábrica de Porcelanas Magdalena, a cen quilómetros de Bos Aires. «Esta viaxe supoñerá un punto de inflexión na súa obra, pois ademais de empaparse dos movementos artísticos e das experiencias máis vangardistas do mundo do deseño industrial, entra en contacto con intelectuais do exilio como Dieste, Blanco Amor ou Lorenzo Varela». É neste momento cando, anotan os investigadores, a produción sofre unha depuración das formas e a introdución de decoracións máis abstractas e xeométricas, «mentres que a empresa se concibe cun compoñente ideolóxico baseado en principios éticos e de compromiso social».

Mentres está na Arxentina, e xunto con Luís Seoane, poñen en marcha un proxecto máis complexo froito da súa bagaxe para depurar as pezas. Trátase do Laboratorio de Formas. «Foi unha entidade instrumental de contido teórico e comparable a experiencias como a Bauhaus». Este laboratorio, que nace no 1963, desemboca en 1970 nun manifesto no que se enuncia o futuro: «Os deseños serán froito dunha profunda reflexión intelectual previa que persegue un equilibrio entre vangarda e tradición, logrado mediante unha mutua reinterpretación de ambas».
A posta en escena desta idea foi a recuperación da antiga fábrica de louza que fundara o marqués de Sargadelos, no século XIX, no actual Cervo. «As investigacións cos distintos materiais e a experimentación de novas posibilidades técnicas serán levadas por Isaac aos seus deseños, creando formas totalmente innovadoras que supoñen verdadeiros alardes técnicos: deseños modulares e amontoables ou figuras articuladas, nas que se chegan a empregar ata corenta elementos na súa composición».
O creador compostelán xa ten unha rúa en Magdalena, na Arxentina
H. J. P.
Isaac Díaz Pardo xa ten unha rúa co seu nome en Magdalena, onde fundara nos 50 unha fábrica de porcelanas que dirixiu durante 13 anos. Cumpriuse así o acordo municipal polo que loitou tanto a escritora pontevedresa Loli Beloso, amiga do intelectual e impulsora da recuperación da súa obra e a súa figura —tamén a da súa esposa, Carmen Arias, Mimina— naquela poboación preto de Bos Aires. Á inauguración acudiu Camilo Díaz, fillo do homenaxeado. Beloso non puido viaxar neses días, pero cando o faga, en agosto, levaralles a placa que deseñou, e realizou José Ramón Otero, que «recrea o símbolo celta polo que Isaac sentía predilección, o espiroide, que dicía que contén todo o bo». Entregaralle a peza ao alcalde de Magdalena, Gonzalo Martín Peluso, que xa se comprometeu a colocala. Beloso está empeñada en que aquela cidade rescate o legado de progreso que deixou naquelas terras Díaz Pardo, que «introduciu alí modernidade, ademais de formación e emprego, a través de Celtia, a sociedade que acubillaba a factoría». Un proxecto, que, lembra, serviu tamén para recuperar un exilio galego en precario, con «artistas e intelectuais que o pasaban moi mal economicamente como Lorenzo Varela, Rafael Dieste e Blanco Amor, que puideron regresar a Galicia polo apoio xeneroso e a humanidade infinita de Isaac». Beloso, que logrou tamén que o rexedor dedique unha sala do museo municipal a difundir a memoria do matrimonio Díaz Pardo-Carmen Arias, quere impulsar ademais a creación dun paseo no entorno degradado onde estivo a fábrica e en cuxo desenvolvemento quere implicar a diversos artistas galegos.