
Voz, violíns, frautas, formigoneiras dan corpo á anguria humana en «Nihil», intervención musical composta por Ramón Souto que se estreou o domingo na Cidade da Cultura
09 may 2022 . Actualizado a las 05:15 h.
Que fai un grupo (numeroso) de persoas sentadas e arroupadas con abrigos e mantas ás seis e media da mañá (aínda na noite) dun domingo agardando no inhóspito párking da Cidade da Cultura? Pois están dispostas a experimentar, a enfrontarse a unha complexa performance artística, a aceptar unha reflexión sobre o seu (o de case todos) modo de vida acelerado, a disfrutar da música e a abrirse á esperanza que trae consigo a alborada.
«O día comeza cheo de potencialidades. Ao amencer todas as proxeccións posibles sobre como vai ser a nosa xornada teñen cabida», confirma Ramón Souto (Vigo, 1976), compositor, artista sonoro e autor da ópera Nihil, concerto iconoclasta co que comezou o día no que se despedía a oitava edición do festival compostelán Escenas do Cambio e que creou a partir de diversos textos de Santiago López Petit (Barcelona, 1950).

«O filósofo catalán indaga as fisuras da sociedade na que estamos a vivir, a anguria do noso tempo, e interrógase sobre o por que deste nefasto sentimento predominante. Expón os problemas aos que levan estas dinámicas de traballo frenéticas, este empeño na sobreprodutividade, os excesos que isto supón para mente e corpo», explica o músico, que é ademais director artístico da agrupación musical Vertixe Sonora, que tamén participou nun proxecto que agromou ao amparo do programa de residencias artísticas do Gaiás. Contou coa colaboración do artista visual Ignacio Barcia, o Ensemble New Music Tallin, o coro Réduit Ensemble e os solistas Guillermina Gallardo (mezzosoprano), Enrique Martínez (tenor) e Gustavo Castillo (baixo).
Nun mundo onde non existe o descanso, prosegue Souto, son as persoas enfermas ou as que teñen algunha debilidade as que acaban por resultar verdadeiramente humanas, en tanto que se atreven a expresar de maneira clara as necesidades que pesan sobre elas a todos os niveis.
«Estar enfermo se converte nunha demostración de humanidade, se non nada te diferenciaría dunha máquina. Esta é a encrucillada que nos impulsou a explorar cales serían as relacións posibles a trazar entre nós se non mediara o feito económico, iniciando unha teimosa busca de vínculos non mercantilizados. A saída que propugna López Petit é unha alianza de amigos, un cambio de terzo, inmersos como estamos nesta crise ecolóxica, sanitaria, económica: preguntarnos cara a onde conduce esta autoexplotación, cara a onde imos», incide o autor para tratar de aclarar a argumentación que sostén e eleva Nihil.

Ese desacougo maniféstase nesta intervención musical pola vía do aparente caos sonoro, representado polos ruídos de motores de coches, formigoneiras, martelos hidráulicos, soldadoras, ferros, altofalantes movidos por nenos do público que recollen emisións satelitais, instrumentos convencionais que se sitúan afastados, illados, sen o respaldo doutros... e ata unha avioneta que ruxe mentres cruza o ceo sobre o Gaiás.

«Automatización e tecnoloxía que alienan, que desconectan, para xerar unha cotiandade na que as nosas inquedanzas e necesidades quedan sen atender. E nesa idea de desesperación, de ansiedade, entra a voz humana para catalizar, para tratar de romper esta deriva negativa», relata Souto, que se cuestiona «que tipo de relación se nos impón co traballo, con algo que nos gusta, para que co tempo rematemos irremediablemente queimados», lamenta.
Momento de comuñón colectiva ante a beleza da natureza: a alianza de amigos é posible
Os instrumentos convencionais actúan en Nihil como nexo, como transición entre dous mundos, o das máquinas e o do ser humano. Aínda que cos ruídos e a distancia os músicos perden a referencia dos compañeiros, tentan corrixir esa circunstancia porque no feito da música acústica un instrumento sempre busca o acubillo dos outros, para tocar xuntos. «Non temos tempo para escoitarnos, para escoitar ao outro, e nesta ópera o público ten dificultade para percibir con nitidez. Nunca pode haber unha escoita ideal no párking exterior no Gaiás, porque é o que ocorre na realidade, non podemos coa dimensión da desproporción, non alcanzamos a gobernar as nosas vidas neste exceso», describe Ramón Souto.
Isto acádase grazas a elementos non musicais (golpes sobre tubos, láminas, ferros, cinta transportadora, tapas de alcantarillado, perdigóns que caen sobre un bombo) que acaban traducidos ao musical, todo se converte en música. A monotonía tortuosa dos sons subliña esa sensación de que «a vida non pasa, as emoción se aprazan, xa non vibramos». «Os teléfonos intelixentes sinalan cara o transhumanismo, son extensións das persoas, condicionan ata o noso sentido espacial, perdemos o vínculo coa realidade, aínda que nos axuden limitan a nosa experiencia: o feito de perderse sen GPS fai que establezas referencias para ubicarte», constata o autor.

A luz da alborada agasalla aos presentes cun momento de comuñón colectiva, ante a beleza da natureza, a transformación da luz. A desolación dilúese para volver á necesidade do outro, á esperanza: fronte ás debilidades e carencias, festexa Souto, a alianza de amigos non só é posible, é tamén o mellor xeito para avanzar como individuos e como sociedade.

Unha viaxe a Fisterra, á praia de Langosteira, ao cemiterio de Portela, ao redor do simbolismo da auga
Tamén no marco do encontro Escenas do Cambio partiu de Compostela cara a Costa da Morte un autobús moi particular. A derradeira xornada do festival reservaba o espectáculo ¿Qué es el agua?, un proxecto da compañía La Soledad (que integra a parella catalá-arxentina Marc Caellas-Esteban Feune de Colombi). Marcharon todos a Fisterra a explorar o simbolismo do mar e da auga a través dun itinerario que os levou polo cemiterio de César Portela e a praia de Langosteira. Trátase dunha proposta de land theater na que Caellas e Feune de Colombi comezaron a traballar no 2018 en La Habana, partindo da lectura do poema La isla en peso, do escritor cubano Virgilio Piñera. Aventuras, textos e rituais ao redor da auga, dentro e fóra dela, en illas, na beira dos ríos ou en poboacións marítimas foron engadindo capas á performance, que decidiron executar en Fisterra logo dunha residencia na vila xestada a raíz da súa participación en Escenas do cambio 2021.