Lauro Olmo sobe a escena en galego da man de Sarabela

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

CULTURA

Presentación da montaxe, coprodución de Sarabela e o CDG.
Presentación da montaxe, coprodución de Sarabela e o CDG. Lolita Vázquez

A produción «Asemblea xeral» estréase no Barco, a súa localidade natal

25 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Este ano o dramaturgo Lauro Olmo faría cen anos, unha efeméride que desde o Concello do Barco de Valdeorras (a súa localidade natal) quixeron festexar dunha maneira especial. Así que buscaron a implicación dunha compañía teatral para que unha obra de Olmo subira a escena e o fixera ademais en galego. A proposta non só recibiu un si, senón dous, algo que agradeceu a concelleira de cultura, Margarida Pizcueta, na presentación. E así foi como Sarabela e o Centro Dramático Galego (CDG) se puxeron a traballar na coprodución de Asemblea xeral, que se estrea este venres ás 21.00 horas no teatro Lauro Olmo do Barco.

A obra escollida é un texto escrito por Olmo xunto coa súa muller, Pilar Enciso. «Recuperamos o texto sendo fieis á biografía de dúas persoas tan apegadas aos valores democráticos», dixo Fina Calleja, directora de Sarabela. Ela, xunto con Fernando Dacosta, encargouse de adaptar a obra, na que a música cobra un papel especial «para revitalizala e traela ao noso tempo». Un traballo co que Olmo —un autor «dificultado» pola censura, como el dicía con retranca— e Enciso querían alertar os pequenos sobre os extremismos e explicarlle a loita de clases. «Creo que non debería haber neno que non lese ou vise esta obra, porque xera alertas xa desde pequenos», apuntaba Fran Núñez, director do CDG. El mesmo, lembrou, representou, de cativo, a obra no teatro. Desta volta será a primeira vez que unha compañía profesional xire a Lauro Olmo en galego. É unha peza escrita inicialmente para o público infantil, pero con lecturas propias para adolescentes e adultos que agora potencia Sarabela.

Os produtores confían en que o tour que agora comeza percorra toda Galicia e non descartan levar a montaxe fóra. «Olmo ten unha vixencia importantísima, e o seu nome resoa en Madrid como un dos autores máis importantes da dramaturxia recente», enxalzaba Calleja.