A protesta dos reiseñores

CULTURA

03 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O libro Bebedeira (1934), de Delgado Gurriarán, consta de 32 poemas sobre as cousas da comarca de Valdeorras, a matria do poeta. As cousas cantadas son os castiñeiros (que tamén chama castiros), o viño, as viñas, o río Sil... O poeta non fai, nestas páxinas, poesía civil ou social: limítase a gabar as cousas sen convertelas en causas (dúas voces do mesmo étimo latino, causa).

Pero hai un poema, Tristura do souto mudo, atravesado por un drama, por un drama moi peculiar: a un souto (terreo de castiros) chegou unha árbore allea, o eucalipto, que, «novo rico da campía, / circio e baril estranxeiro, / veu a trunfar dos antergos / toros de rañada codia / e perfumado cabelo». Dito doutra maneira, os castiñeiros desaparecen ante este «asoballador dos eidos». Xa aquí, o noso escritor non fai unha denuncia económica ou ecoloxista, defendendo a flora autóctona; o poeta lamenta que os reiseñores, afeitos a cantaren nas pólas dos castiñeiros, fuxiran do lugar, noutrora souto, con «recendo de candea» (o recendo das flores dos castiros). O que lle doe ao poeta é que os reiseñores fuxiran.

Ante a presenza asoballante da árbore australiana, o eucalipto —importado a Galicia por un frade tudense, o padre Rosendo Salvado—, o noso poeta non fala de economía ou da riqueza forestal das especies autóctonas; lamenta que os reiseñores, excelentes trobeiros, fuxan co seu canto a lugares non ameazados polo «novo rico da campía». É lícito sospeitar que o poeta estaba a denunciar, ao seu xeito, unha estraña situación económica na floresta galega, aínda que nos seus versos só lamente que esa situación sexa a responsable da fuxida dos reiseñores, dos «reiseñores trobeiros».

Polas miñas noticias, o eucalipto chegou ás terras de Valdeorras arredor de 1925; así pois, cando Delgado Gurriarán o acolle nun poema seu de 1934, xa non se trataba dun acontecer botánico descoñecido. Polo que sei, este texto do poeta de Córgomo é a primeira denuncia galega contra o eucalipto asoballador, aínda que a protagonicen os reiseñores, que, por seren de terras de castiros, sabían máis de Ecoloxía do que moitos pensaban.