A cita teatral comezará o 15 de xullo
11 jun 2022 . Actualizado a las 16:48 h.A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia xa está na conta atrás e o vindeiro mércores, día 15, presentará a programación deste ano na capital do Ribeiro.
Mentres se agarda por coñecer as propostas para a MIT 2022, que comezará as súas actividades o 15 de xullo, os responsables do festival xa anunciaron a concesión do Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño desta edición. A MIT acordou recoñecer co galardón a Eduardo Rodríguez Cunha, Tatán, neste 2022 que se están a celebrar os 40 anos da creación de Tanxarina Títeres.
Dende a mostra queren honrar «a quen foi fundador dunha das compañías de referencia de marionetas de Galicia». Lembran dende o certame escénico que «xunto con Kukas, Cachirulo ou Viravolta, Tanxarina construíu a partir dos anos 80 unha gran tradición e público afeccionado á arte dos obxectos animados, tanto a través de creacións propias, na organización de festivais coma na divulgación dun oficio entre o artesanal e o experimental».
Eduardo Rodríguez Cunha, Tatán, foi de sempre un teatreiro de vocación, xa dende a súa etapa universitaria como estudante da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela. Faceta á que lle sumou outras como a de músico, actor de cine «e activista nun sentido estrito da palabra, activista da arte e da cultura do país». Salientan dende a MIT que o galardoado é moito máis «ca ese prestixioso titiriteiro que acabou en Barcelona no taller do mestre Harry Tozer» e que entre outros moitos proxectos participou de iniciativas históricas como a da creación da cooperativa Producións Teatrais do Sur, na que se xuntaron no seu día o Teatro do Morcego —do lembrado Celso Parada—, Teatro de Ningures e Tanxarina.
Para a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia «Tatán foi facilitador, é unión e alento e acolle ensinanzas e impulsos que seguramente deberían concluír na concreción dun desexo seu e de moitos: unha especialidade de teatro de obxectos na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que na súa época de estudo non existía e que hoxe tanto nos podería distinguir».
O Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño entregarase na xornada de inauguración da MIT de Ribadavia.