Sobre o benéfico efecto que a etapa americana tivo na súa traxectoria, queda o testemuño de Luis Seoane, que en carta a Francisco Fernández del Riego en 1965 dicía: «A Laxeiro le hizo mucho bien su estancia en Buenos Aires, al establecer contacto con otra pintura y otros artistas para situarse de manera más definida en nuestra época, proyectarse en nuevas búsquedas sin que le apremiasen para vivir los posibles clientes que solo gustan del tema pintoresco».
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, eloxiou o papel que a Academia de San Fernando xoga neste esforzo por consolidar e espallar a imaxe de Laxeiro, nun acto de xustiza poética xa que no bienio 1931-1933 el residiu en Madrid, como alumno libre da institución con senllas bolsas do Concello de Lalín e a Deputación de Pontevedra. Entón visitou case a diario o Museo del Prado e os faladoiros de café, onde coñeceu a intelectuais galegos como Otero Pedrayo, Castelao, Risco e Suárez Picallo; tamén a Gómez de la Serna, Lorca, os irmáns Dieste e Valle-Inclán.