A personalidade literaria de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987) xerou, antes do 17 de maio, unha bibliografía bastante caudalosa (reedicións dos seus libros de poesía, antoloxías, estudos, biografías, mostras bibliográficas...), pero non tiña noticia eu de que poemas seus fosen traducidos ao castelán ou a outras linguas. Nunha recente viaxe a Barcelona, mans amigas agasalláronme cun opúsculo no que figuran once poemas de Delgado Gurriarán, algúns de considerable extensión. A escolma, aínda que moi breve, é representativa da musa plural do noso poeta: textos patrióticos, textos paisaxísticos e matrióticos, versos de denuncia da represión franquista en Galicia, poemas elexíacos, un poema sociolingüístico...
Responsable da «selecció» é María Xesús Lama, profesora de Filoloxía Galega na Universidade Central de Barcelona, e da «tradució», Eduard Velasco, filólogo catalán moi versado en galego, idioma no que é autor de poemarios e relatos, algúns galardoados con importantes premios.
Cómpre aclarar que a profesora María Xesús Lama non só é estudosa da obra literaria de Delgado Gurriarán senón que é pioneira nestes estudos. Xa en 1999 publicou un interesante artigo sobre os «poemas mexicanos» do escritor que viviu décadas no exilio de México. Na cuberta deste opúsculo ofrécesenos un texto moi didáctico, sen dúbida da profesora galega, no que lemos: «Autor de poemas centrados no canto á súa comarca valdeorresa antes da guerra, a celebración do entorno natural cede protagonismo ao viño como froito da terra e símbolo do fluxo que circula permanentemente desde o subsolo ao alento vital dos seus habitantes. Esa concepción da vida como inmersión nun ecosistema aflora tamén no exilio e así xorden os poemas mexicanos».
O coidado opúsculo titúlase Enfeitar o ceo / Abillar el cel e foi publicado na colección Chan da Pólvora (Barcelona, 2022), colección —case de bibliófilo— que dirixe a propia profesora Lama. Que eu saiba, existen dous números anteriores, tamén vencellados ao Día das Letras Galegas: o do ano 2021, dedicado a Xela Arias, e o do 2020, a Ricardo Carballo Calero.