Rosario Álvarez recunca na presidencia defendendo a independencia do Consello da Cultura

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

Tomou posesión nun acto no que Alfonso Rueda fixo súas as principais liñas de actuación propostas pola presidenta e chamou a construír un presente e un futuro para a cultura de Galicia

11 jul 2022 . Actualizado a las 19:04 h.

A «rede humana única» da que falaba Rosario Álvarez no seu discurso estaba alí, presente no Consello da Cultura Galega, mentres a presidenta (que recunca outros catro anos no que será o seu segundo e derradeiro mandato) debullaba o seu proxecto «continuísta con ánimo renovado» defendendo o carácter de independencia dunha institución, que a piques de cumprir 40 anos, ten na súa propia razón de existir a «normalidade da discrepancia».

Lembraba a presidenta do Consello que é a lei a que encarga á institución manter unha «actitude vixiante respecto do estado da cultura» e que lle dá autonomía para elevar informes e propostas «que sirvan á defensa e promoción da cultura galega e á consecución dos dereitos e necesidades culturais do pobo galego».

«Por suposto, sempre estamos coa mellor disposición para o diálogo, o debate, a busca de consensos». subliñaba Rosario Álvarez. «Pode ser unha circunstancia casual que a Xunta e o Consello compartan sede. Pero non é casualidade que compartamos o amplo espazo do galeguismo integrador». Nomeaba o presidente da Xunta no seu discurso a Gerardo Fernández Albor e Ramón Piñeiro, predecesores no cargo de Rueda e Rosario Álvarez, para incidir na capacidade da cultura galega para «traspasar todos os límites».

Álvarez Blanco tomou posesión do seu cargo á fronte do Consello da Cultura Galega agradecendo a esa «ampla rede colaborativa» —que inclúe non só institucións de diverso signo e arraigo territorial, senón tamén unha nómina de 180 persoas con gran compromiso e capacidade de traballo— a súa vontade de «contribuír a un proxecto solidario, de construción dun presente e un futuro para a cultura de Galicia».

Un futuro que se albisca nas dez liñas de actuación nas que condensou o camiño que percorrerá o Consello os vindeiros anos, unha etapa de madurez (chega ás catro décadas de existencia) na que é necesario continuar procurando unha vertebración e interconexión dentro dunha programación articulada e cohesionada.

Pero non só: afondar na vía dixital, reforzar a marca propia do Consello da Cultura, manterse fiel ao principio de cultura como dereito, traballar en novas estratexias para chegar a outros públicos e desenvolver unha programación exterior son algunhas das vías de traballo que puxo sobre a mesa Rosario Álvarez.

Unhas liñas estratéxicas que fixo súas Alfonso Rueda, como tamén fixo súa a frase de Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega de que «onde hai galegos conscientes do seu sempre está Galicia», que ilustra perfectamente a tarefa do Consello da Cultura Galega. Porque hai unha Galicia que se ve, que se pode sinalar nos mapas, e tamén unha Galicia que é, «que se fai presente nos símbolos e nas creacións» colectivas, principalmente a lingua.

«Tomo nota», respostaba Alfonso Rueda ao requerimento de Rosario Álvarez no seu discurso na esixencia da «ampliación dos recursos económicos e non só a optimización do gasto nos límites actuais», aínda por baixo dos que había antes da crise ecómica do 2008.

Sobre todo, remarcaba o presidente da Xunta, porque os fondos europeos son unha oportunidade para fortalecer a cultura como eixo prioritario da transformación económica de Galicia a través da posta en marcha dun perte culltural

«Pido a axuda de todos, individual e colectiva», remataba Rosario Álvarez a súa intervención, na que reiteraba o seu compromiso renovado do seu cargo. Axuda a esa rede humana única que vén demostrar, como dicía Rueda, que «onde esteamos nós, estará Galicia».

Complétase a remuda da institución

Tras o acto de toma de posesión de Rosario Álvarez como presidenta, tivo lugar unha sesión plenaria ordinaria que tiña na orde do día, primeiro, o nomeamento da nova comisión executiva, á que se suma Alejo Amoedo como vogal. Mantéñense Xosé Manoel Núñez Seixas como vicepresidente, Silvestre Gómez Xurxo como secretario e Rebeca Blanco-Rotea como vogal.

O segundo punto da orde do día afectaba aos novos coordinadores das seccións e arquivos. Alejo Amoedo estará á fronte do Arquivo Sonoro de Galicia: Carme Adán do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos; Celia Pereiro, da sección de Pensamento e Cristina Domínguez, da sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais. Con estes nomeamentos complétase a remuda da institución que se iniciara o pasado mes de xaneiro.