26 ago 2022 . Actualizado a las 04:50 h.

Acabo de facer unha viaxe á provincia de Lugo na compaña dos meus dous fillos, Cuchus e Sara, que, para a nosa familia, é sempre como unha peregrinatio ad loca sacra. Aínda pairan sobre nós os dezaseis formidables anos pasados en Lugo, na capital (1960-1976)! Foron dous días intensos en sensacións, reencontros, lembranzas in situ... Por exemplo, Sara reencontrouse con Vivi Esteban, colega súa no instituto, despois de 45 anos, e con ela e a súa nai, Laly Riesco, pasamos dúas horas, en boa parte, eruditas, pois Vivi é filla de Paulino, nome fundamental, nos nosos anos lugueses, da librería, editorial e imprenta Celta, xa desaparecida. Baixo a batuta de Paulino Esteban eu promovín a edición de textos de Castelao, Neira Vilas e Xosé Alvilares, daquela sorprendentes. Na conversa, Vivi e o seu compañeiro infórmannos de que están a elaborar o catálogo da Celta, que será, penso, un acontecemento bibliográfico.

O día 16 de agosto, xantamos, preto de Benquerencia, con Teresa Rodríguez Andrade, viúva do latinista Amable Veiga Arias (1929-1994). O xantar protagonizábao o fillo, que facía 64 anos, Alexandre Veiga, acompañado das súas fillas e da exmuller, Rosa Pérez Rodríguez. Foi unha sobremesa esencialmente filolóxica centrada no mester de clerecía e en certos estudos de Menéndez Pidal. Eu sempre aprendo oíndo a Alexandre, sabio como poucos en lingüística española.

Oíndoo percibo a voz rigorosa e modesta do pai, aquel latinista que, na soidade de Lugo, creou a Fonología gallega, que así se titulou libro tan inesperado naquelas datas. Publicouno en 1976 a editorial Bello de Valencia, mercé aos bos oficios de Arcadio López-Casanova, que fora alumno de Amable no Instituto de Lugo, o noso Instituto.

Ao día seguinte, na capital, prevaleceu a música. Cuchus conversou bastante tempo con Javier Arias Bal, profesor de Música en Madrid e sobriño neto de Jesús Bal y Gay, o ilustre compositor e musicólogo que estivo exiliado en México. Antes fixemos tertulia con José María Hinojo, que foi profesor de guitarra dos meus fillos cando dous deles eran alumnos de Latín de don Amable Veiga Arias.