O noso pan

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

13 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai poucos días tiven a fortuna de asistir, xunto con Luar na Lubre, a XXXII Festa do Pan de Neda, na comarca de Ferrolterra. Había postos cunha gran variedade de produtos e cada cal coa mellor das presentacións. Paréceme espectacular a variedade de pan con diferentes matices que temos nas catro provincias galegas e sempre dunha excelente calidade. O pan galego ten un prestixio social que transcende ao feito de ser un produto básico da alimentación. Dende decembro do ano 2019 a Indicación Xeográfica Protexida é un recoñecemento que se cabe aínda lle confire máis prestixio no que uns rigorosos condicionantes que van dende os diferentes ingredientes, aos trigos autóctonos, o modo no que se elabora o pan nas súas diferentes fases ata a tipoloxía dos fornos de cocción, son a clave. Tamén hai outras variedades de pan feito en Galicia con distintos cereais e incluso diferentes mesturas entre eles que son exquisitas e que non entran na I.X.P. O primeiro pan galego con esa indicación foi o de Cea?Ourense, un tipo de pan excepcional que me trae moi gratos recordos doutros tempos. O camiño para ir á miña aldea pasaba por este concello onde os meus pais facían sempre unha parada obrigada e mercaban unha ou varias pezas para consumo propio. Incluso temos collido algunhas como agasallo en máis dunha ocasión. E non se trata de convencer a ninguén da boísima calidade do noso pan nas súas diferentes variedades porque a realidade está aí e ben sabemos do seu valor, sobre todo cando saímos fóra de Galicia. As comparacións son odiosas e para gustos hai cores pero despois de viaxar por medio mundo e de comer en lugares únicos, dende a miña modesta opinión, nunca atopei un pan da calidade e do sabor do noso. Outra cousa é a popularidade e a fama doutro pan conseguida por unha boa mercadotecnia. Hai certas batallas nas que non é necesario meterse, pero o que si é importante é a valoración do propio dende os aspectos máis honestos. E neste caso, coma en moitos outros, é de lei estimar o noso dende o máis sinxelo ata o máis complexo. Aí é onde o noso pan dende a súa nobre sinxeleza é desas cousas fundamentais das que podemos presumir en calquera lado do mundo sen temor a equivocarnos.