Guadi Galego: «Non creo nun mundo que non estea movido polo amor, non funcionaría»

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Guadi Galego no seu concerto en O Son do Camiño.
Guadi Galego no seu concerto en O Son do Camiño. Xoán A. Soler

Despídese do público galego co derradeiro concerto da xira «Costuras» este sábado en Santiago 

22 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O próximo sábado, Guadi Galego ofrecerá en Santiago (Teatro Principal, 20.30 horas) o derradeiro concerto da xira do disco Costuras (2020), aquela fuxida cara adiante editada en plena pandemia. Os seus seguidores tardarán en escoitala de novo. «Farei unha parada longa en Galicia. Como mínimo, estarei un ano e medio sen tocar aquí», adianta.

—Era «Costuras» un disco de buscar certezas dentro do mareo no que estabamos no ano 2020?

—Eu creo que é un disco esperanzador a nivel humano. A pesar de todas as desgrazas que causamos os humanos, que somos capaces de cargarnos o mundo, naquel momento houbo un espellismo de que eramos capaces de unirnos ante a adversidade. Ten moito que ver con agarrarse ás cousas que temos preto, que son reais. E de que somos capaces diso como sociedade.

—É un traballo que fundamentalmente trata do amor?

—Si, é un disco de amor absoluto. Á xente, á terra, aos ideais, ao social, ao político... No meu caso todo se basea niso. Non creo nun mundo que non estea movido polo amor, non funcionaría. Así milito eu, dende a construción.

—O tema «Creo», no que canta «creo na rebeldía con amor, creo na vida propia» é un punto de inflexión no que toca teito?

—Teño que recoñecer que ese tema tócame moito. Eu non me pronuncio normalmente sobre cales son as miñas cancións favoritas, porque todas teñen unha razón de ser e están aí por algo. Eu creo no equilibro dos discos. Non todos os temas teñen que ser iguais. Pero Creo emocióname especialmente. Nos directos emociona tamén o público polo que di e como está construída. É unha especie de decálogo de autoafirmación das cousas nas que creo. Algo que non dicimos moitas veces. Cada unha de nós deberiamos ter un credo persoal e lembralo de vez en cando. Son as cousas que ás veces nos salvan.

—Cando se fala do compromiso social, non é común situalo no terreo da parella e dos afectos. Iso converte esa canción en especialmente emocionante?

—Claro. As cousas nas que cres teñen que estar en tódolos niveis. O amor está en todo. No político, no social, no doméstico, no global e no particular. Iso é así. Se cadra esta canción está un pouco por enriba. Os meus temas sempre están construídos dende a parte máis emocional.

—Neste disco tamén está «Liberdade ambigua». Anda que non deu voltas o concepto de liberdade nos dous últimos anos.

—Si, a verdade é que si [risas]. É un concepto no que se nos enche a todos a boca. Tiñámolo como algo de bandeira total. De súpeto, hai que ter coidado con iso. Onde empeza e onde remata?

—A «liberdade» cambiou de bando na pandemia?

—O problema xorde cando ti pensas que a túa liberdade individual está por riba da liberdade individual da persoa do lado. Iso é o problema: onde empeza e onde remata todo? O que constatamos nesta pandemia é que as vidas da xente non valen igual. Pensamos que si, pero os do sur ven como as súas vidas e a súa liberdade é moito menos importante que a nosa.

—A pandemia pillouna en medio do disco. Pensou en deixalo?

—Non. A min Costuras salvoume bastante. Iso de traballar no estudio caseiro foi moi importante. A min salvoume tamén que non son unha artista grande. A xente que movía unha gran cantidade de persoal non podía prestarse a gravar un disco, editalo e xirar, porque non ía poder facelo. No meu caso foi unha aposta polo que sentía, xa que non tiña nada que gañar nin nada que perder. Funcionei por sensacións, non por unha estratexia comercial que tivese que ver coa industria.

—En decembro saca disco, pero, polo que di, non haberá concertos ata o 2024. Que vai facer?

—En Galicia, non. O ano que vén vou dar concertos, tocando con outra xente e noutros formatos, en Portugal, Cataluña, Euskadi e lugares nos que quixen levar Inmersión [o seu disco do 2019 cantado nos sete idiomas da península ibérica] e non puiden.

—Como será ese novo traballo?

—É un disco que ten moita escuridade, xa que fala das cousas escuras que temos nas nosas vidas. Pero, por outra banda, ten moitísima luz. É un disco de mascar, de darlle moitas voltas. Non é un disco de consumo rápido.

—Algún disco seu o foi?

—Non, creo que non [risas]. Se cadra, Costuras era máis directo, pero o resto non. Non son de consumo rápido. Nin o meu público me pide iso tampouco. Así que non pasa nada.