César Portela reivindica a razón e a paixón para facer boa arquitectura ao tomar posesión na Real Academia de Belas Artes

Bea Costa
bea costa VILANOVA / LA VOZ

CULTURA

MONICA IRAGO

«A boa arquitectura é aquela que ofrece seguridade nos corpos e liberdade nos espíritos», dixo no acto, celebrado no Pazo Baión, en Vilanova de Arousa

24 sep 2022 . Actualizado a las 20:17 h.

O arquitecto César Portela Fernández-Jardón (Pontevedra, 1937) tomou este sábado posesión como membro de honra da Real Academia Galega de Belas Artes dando unha lección de arquitectura. «A boa arquitectura é aquela capaz de lograr a un tempo, solidez, confort, riqueza formal e riqueza espacial desde a maior economía de medios; a boa arquitectura é aquela que ofrece seguridade nos corpos e liberdade nos espíritos; a boa arquitectura non ten por que renunciar ao espectáculo; a boa arquitectura é aquela capaz de conseguir que a emoción non se impoña á razón e que e a arte non se supedite á ciencia; a boa arquitectura non destrúe á natureza, senón que a respecta, a sublima e a enriquece».

Portela reivindicou tamén a función social da arquitectura e a procura «do equilibrio entre o corazón e a cabeza, entre a emoción e o oficio, entre a paixón e a razón».

«Soñar é pois necesario», subliñou durante o discurso que ofreceu no acto de ingreso na Real Academia celebrado no Pazo Baión (Vilanova de Arousa), un espazo que coñece ben pois foi artífice dos proxecto encargado pola adega Condes de Albarei para a súa rehabilitación.

Rodeado de viñedos, Portela abriu unha fiestra a outras paisaxes do mundo porque, por aquilo de que unha imaxe vale máis que mil palabras, dixo, complementou a súa exposición cunha serie de diapositivas das súas obras. Así foron sucedéndose fotografías das pontes que construíu en Xapón, en Cádiz ou en Allariz, dun bulevar en Arxel, unha torre de control que se ergue en Exipto, o cemiterio situado a carón dos acantilados de Fisterra, a estación de autobuses de Córdoba e o Museo do Mar de Galicia. Son fitos na súa carreira, na que tamén caben unha casa unifamiliar no rural de Pontevedra ou unha intervención nuns piornos de Campañó.

Portela transitou por case todos os camiños da arquitectura, un percorrido no que, apuntou, débese fuxir dos egos, «porque, en arquitectura, as verdadeiras protagonistas son sempre a obra e a súa propia funcionalidade e beleza».

«A arquitectura que non está ben construída é mala aínda que pareza bonita, e a arquitectura que está ben construída, pero que non é bela, que non emociona, tampouco é boa, porque non chega a ser arquitectura e queda nunha simple construción».

MONICA IRAGO

O Premio Nacional de Arquitectura reivindicou tamén o oficio e o traballo: «A un artista a inspiración debe collelo sempre traballando», dixo citando a Picasso. E non se esqueceu dos técnicos, artesáns e obreiros que o acompañaron na súa traxectoria profesional e dos que aprendeu nin dos compañeiros que traballan afastados dos focos e sen a gloria dos premios «neste mundo competitivo especulativo e materialista, e cada vez máis coutado pola burocracia, na defensa da utilidade e da bondade duns espazos e na aposta pola beleza das formas e o benestar dunhas persoas, sen esperar dela recoñecemento nin agradecemento».

César Portela iniciou a súa intervención expresando a súa satisfacción, emoción e orgullo por pasar a forma parte da familia da Real Academia de Belas Artes e pechouna recitando uns versos de Bertolt Brecht: Quen construíu Tebas, a das Sete Portas?.

O seu lugar no atril ocupouno logo o académico, amigo e compañeiro de profesión Xosé Manuel Casabella. Constancia, firmeza rebeldía, ousadía, honradez, solidariedade, coraxe, inconformismo e «cunha alta conciencia moral», así describiu Casabella a «un home que «hai moitos anos que debera ter ingresado nesta institución», engadiu.

Acto seguido, o presidente da Real Academia, Manuel Quintana, procedeu a impoñerlle a Portela a medalla e o diploma que o acreditan como académico cumprindo así «unha débeda».O acto celebrado en Baión contou coa presenza de autoridades como a subdelegada do Goberno en Pontevedra e o director xeral de Cultura, entre outras personalidades.