Ángel Carracedo: «A ciencia é unha parte fundamental da cultura»

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Carracedo participará el jueves en un encuentro a las 20 horas con el público infantil y familiar de Ames. No es la primera vez que nada por estos mares (en la foto, en el colegio Canosa Rus). La cita de la próxima semana se celebrará en la Casa da Cultura de Bertamiráns.
Carracedo participará el jueves en un encuentro a las 20 horas con el público infantil y familiar de Ames. No es la primera vez que nada por estos mares (en la foto, en el colegio Canosa Rus). La cita de la próxima semana se celebrará en la Casa da Cultura de Bertamiráns. ANA GARCIA

O xenetista é o primeiro científico en gañar o premio Otero Pedrayo

27 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un galardón dedicado a recoñecer a contribución á cultura e a promover os valores de Galicia concedido a un científico. Pode resultar anómalo e incluso algo estraño, pero no caso de Ángel Carracedo Álvarez (Santa Comba, 1957) responde á máis pura lóxica. E así é como acaba de converterse no primeiro médico e científico gañador do premio Otero Pedrayo, certame creado en 1977 e convocado polas catro deputacións provinciais e a Xunta.

O xurado, que distingue a súa traxectoria médica e científica, enxalza así a «unha das principais figuras da historia da ciencia galega e un home comprometido co seu tempo, disposto sempre a participar en liñas de traballo que contribúan á mellora da nosa sociedade», en palabras do deputado Xurxo Couto, de quen partiu a candidatura.

En non é estraño o galardón porque Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Xenómica e do Centro Nacional de Xenotipado, é en realidade un home do Renacemento. Non só porque toca todos os paus da xenética, desde a forense, na que é referencia mundial, pasando pola das enfermidades de todo tipo e a de poboacións, senón porque tamén combina o seu traballo coa súa paixón pola cultura, a escrita e a divulgación.

Gañador de todo tipo de galardóns científicos e tamén sociais, como o Premio Fernández Latorre 2011, o Otero Pedrayo súmase agora á nómina. «Faime moita ilusión. Realmente —subliña—, sempre pensei que a ciencia é unha parte importante da cultura. Moitas veces considerase que está á marxe, pero non é así, porque a ciencia é unha parte fundamental da cultura».

Unha proba deste estreito vínculo é o seu traballo en xenética de poboacións, unha forma de rastrexar a historia á luz do ADN, e que nos últimos tempos está a converterse nunha ferramenta imprescindible de apoio para os historiadores. «A xenética de poboacións fala das migracións, dos movementos da xente e da pegada que deixa na cultura. Por iso —explica— o noso traballo é cada vez máis interdisciplinar e traballamos moitas veces con historiadores e sociólogos. Por iso a xenética tamén ten moita relación coa cultura, porque nos permite entender a historia, pero tamén reflexionar sobre o futuro». Un dos seus traballos de maior difusión popular neste eido foi o que revela a endogamia de moitos galegos, pero incluso dentro do propio territorio galego. «Os de Santa Comba, por exemplo, non se mesturaban cos de Muros ou Carnota», lembra.

E, aínda que Carracedo non se considera un bo divulgador, «porque hai xente boísima que o fai moito mellor que eu», tamén dedica unha parte importante do seu moi escaso tempo a dar charlas en colexios, institutos e asociacións, porque «a ciencia, como parte da cultura, axúdanos a entender mellor o mundo que nos rodea».

Tampouco descoida a súa faceta máis creativa que canaliza na escrita, aínda que el adoita a dicir que a ciencia tamén é unha expresión da creatividade. Gusta de aproveitar as súas viaxes en avión para plasmar as súas reflexións en pequenas historias. Moitas non verán a luz, pero algunhas xa o fixeron en La Voz de Galicia, e recorda con agarimo a gran difusión que tiveron. «Nunca fixera algo que tivera tanto impacto, que chegara a tanta xente e que gustara tanto», admite con certo rubor, ao tempo que se amosa disposto nalgún momento a repetir a experiencia «se me deixa La Voz». O que si lle vai custar máis é publicar os seus escritos máis íntimos. «Eu non son escritor», apunta para esquivar a pregunta. Pero quen sabe...

O que ten claro é que non tería obtido a maior parte dos recoñecementos que acadou sen o traballo de seu equipo. E de novo, nesta ocasión, volve lembralo.