Vigo, CC.OO., 1972

CULTURA

30 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O venres 23 de setembro Vigo foi escenario dun acto magno, organizado polo comité local do Sindicato de Comisións Obreiras para conmemorar, no seu cincuentenario, a folga de 1972, unha acción de protesta do movemento obreiro vigués que xa é un fito especial na historia da cidade. Foi tan importante —e debería saberse— que constitúe un capítulo moi significativo na historia da loita obreira europea do século XX. Pénsese no que significa parar a actividade das fábricas, durante quince días, nunha cidade tan populosa e industrial no esquema represivo do franquismo, cando sobre os miles e miles de galeguistas, moitos deles manifestantes, pairaban os nomes de Daniel e Amador, os traballadores mortos por metralla policial en Ferrol, había ben pouco, o 10 de marzo dese ano.

En Vigo houbo centos de despedidos, decenas de torturados e familias acosadas que, por certo, recibiron a solidariedade, tamén material, de moitas xentes viguesas. Por todo isto, era extraordinariamente importante saber finalizar a folga no momento xusto, como salientou, na súa alocución, Carlos Núñez, daquela o responsable político do Partido Comunista, o colectivo que deseñou, organizou e orientou a histórica folga do 72.

Asistiron ao acto algúns dos protagonistas, xa poucos, con Juan Benavides en primeira liña, quen, malia o trato brutal na comisaría, lembrou con emoción os feitos e aclarou que volvería implicarse. Á súa beira estaban dúas grandes activistas obreiras do 72, Margarita Rodríguez Montes e Pilar Pérez.

Entregáronse os premios, convocados por Comisións, aos mellores relatos e aos mellores carteis sobre aquel 72: Benito Pérez Fuentes (1.º), Santiago García Cameselle (2.º), Eduardo Rodríguez Sainz (accésit) / Xoán Ignacio Pérez (1.º), Enrique Villar Cameselle (2.º). Quen conduciu o acto, con intelixencia de actor, foi o monologuista Avelino González, e a coral de Comisións Obreiras de Vigo interpretou cancións ad hoc. Finalizou o vibrante acto conmemorativo coa interpretación da Internacional: seiscentas persoas, co texto galego na man, corearon os versos máis coñecidos do celebérrimo himno.