Bernardino Graña, noventa anos a pé de obra

Ramón Nicolás

CULTURA

Bernardino Graña (Cangas, 1932), en Nigrán, na homenaxe que a RAG lle rendeu o pasado día 18 de marzo.
Bernardino Graña (Cangas, 1932), en Nigrán, na homenaxe que a RAG lle rendeu o pasado día 18 de marzo. Xoán C. Gil

O crítico Ramón Nicolás enxalza ao poeta do mar con motivo do seu aniversario

03 oct 2022 . Actualizado a las 20:30 h.

A véspera do aniversario de Bernardino Graña, isto é, o 26 de setembro, recibía un wasap de Alexandre Ripoll, como supoño que lle ocorreu a outras moitas persoas. Nel avisábanos que eran noventa anos os que cumpría o poeta do mar e, ao mesmo tempo, incorporaba un traballo espléndido que ideou para festexar a data: unha antoloxía que recollía, con moi bo tino, noventa poemas, un por cada ano festexado. Un proxecto que percorre, con amor, a obra literaria do poeta da que extrae, cun criterio que comparto, o celme da súa achega poética esparexido ao longo dunha extensa obra. De Ripoll, catedrático de Lingua Galega e Literatura xubilado, que dedicou e dedica boa parte do seu tempo a coidar con agarimo, respecto e veneración a Bernardino, ingresado nunha residencia en Nigrán desde hai bastantes anos, cumpriría falar por extenso e pór en valor a súa constante e altruísta preocupación polo benestar do poeta. Pero hoxe cómpre centrarse no autor de Profecía do mar.

A súa poesía, que deu os seus temesiños pasos nos anos cincuenta, naquel Vigo da revista Alba, posibilita realizar un percorrido por unha parte substancial da lírica galega dos séculos XX e XXI. Desde o seu célebre Poema do home que quixo vivir (Brais Pinto, 1958) até Acendede as almenaras (Xerais, 2000), a súa poética abala desde aquelas composicións acaroadas ao existencialismo, pasando pola poesía combativa que abraza o espírito solidario e a intención cívica contra a opresión e o abatemento, a amorosa e máis a erótica, ata o cultivo da estética ecoloxista —cando ninguén reparaba na necesaria celebración da natureza como obxecto do canto— co mar, sempre o mar, disposto con brillantez no horizonte, non como pano de fondo senón como vivencia sincera.

Non en van a última antoloxía-homenaxe que editou o ano pasado a RAG en recoñecemento ao poeta e presentada nun memorable acto no concello de Nigrán levaba por título Bernardino Graña como un mascato ergueito, un volume coordinado por Marilar Aleixandre no que participaron un bo número de poetas de hoxe que quixeron estar ao seu carón.

En efecto, a obra poética de Bernardino Graña, plural e poliédrica, érguese como un mascato por riba de modas e tendencias e mantense sempre fiel a uns principios que defendeu como experiencia profunda: poemas que primeiro cumpría soñalos e logo traballalos, mesmo «sufrir por eles», como afirmou nunha autopoética. A súa produción, que se instala no exercicio consciente do oficio do poeta, segue a conmover e a transmitir con honestidade un imaxinario que, dalgún xeito, está na cerna da nosa identidade.

A súa estética, sempre coidadosa co ritmo e a musicalidade, compéndiase en nove libros poéticos que constitúen un patrimonio da nosa poesía recente mais non cumpriría, no seu perfil creativo, ignorar o dilatado labor que desenvolveu no ámbito da literatura infantil e xuvenil coa publicación de pezas excelentes cando esta era case un ermo; nin a súa obra dramática —tiven a sorte de dispor para a edición a triloxía Lobísimo do saco (2019), que entendo como unha proposta clásica do teatro infantil que xunta con excelencia humor e denuncia da tiranía do poder—; ou esoutro campo no que tamén traballou con intensidade que é a súa obra narrativa, talvez percibida como secundaria na súa traxectoria mais que goza, indiscutiblemente, de inequívocos valores como amosan o aínda marabilloso Fins do mundo (1974), A fuga a Exipto (2016) ou os máis recentes O neno mariñeiro (2017) e Os toliños mariñeiros da Costa da Morte (2020), en edición do propio Ripoll.

O seu perfil complétase co labor que desenvolveu como ensaísta, como docente de dilatada traxectoria, como articulista —cunha produción en parte aínda pendente de compilar— ou como forza motriz de moitas institucións culturais. Queda aínda moito por coñecer e afondar na obra de Bernardino Graña e contamos, por sorte, con excelentes especialistas na súa obra. Cómpre seguir adiante e, mentres tanto, felicitar ao ser humano por este noventa aniversario.