Familia Caamagno leva o «Xuntos» de Juan Pardo ao rock en «O mundo está derrotado»

Javier Becerra
Javier Becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Familia Caamagno, nunha imaxe promocional
Familia Caamagno, nunha imaxe promocional

«Foi unha gamberrada. A transformala no himno dunha república socialista que non existe», di o seu vocalista. 

27 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Empeza a soar O mundo está derrotado, o novo disco de Familia Caamagno, e salta inmediatamente a sorpresa. Tras unhas guitarras eléctricas xorde a letra de Xuntos, o mítico tema de Juan Pardo gravado en 1987. «Para nós é un artista totalmente a reivindicar», di Manuele Caamagno, vocalista do grupo. «Invitáronos a unha recompilación sobre clásicos da música galega tocados por bandas contemporáneas. Tiñamos claro o de Juan Pardo, porque é un tremendo compositor», engade. Xa metidos no allo, optaron por unha sorprendente manobra: «Foi unha gamberrada. É unha canción vinculada a una campaña electoral, cunha estrutura de himno e unha letra moi ambigua. Tanto vale para un partido de dereitas ou de esquerdas. O que fixemos, acompañándoa dun videoclip, é transformala no himno dunha república socialista que non existe».

Deste modo éntrase no segundo álbum desta banda de Sigüeiro, gravado con Carlos Hernández (Los Planetas, Carolina Durante, Los Enemigos). Iso fai que o son pase daquel garaxe-rock sesenteiro do seu debut, Había que intentalo (2019), a unhas coordenadas máis próximas ao power pop nos noventa. «Esa era a idea —confirma o cantante— porque viñamos dun son moi analóxico. Queriamos actualizalo. O que ocorre e que no 2022 non é que o son de guitarras sexa o máis novo. O que fixo Hernández foi subilo unhas décadas e logrou un son máis dos noventa e dousmileiro. E precisamente a narrativa do disco empezouse a escribir aí».

A ese inicio de Xuntos tócalle un final na mesma liña. Inspirándose en The Day That Thatcher Dies de Hefner (2000) compuxeron O día que Fraga finou para pechar temporalmente un disco que transcorre pola nostalxia daqueles anos e a retranca. «Facemos paralelismo con aqueles anos e a nosa época actual, porque entón tras o 92 houbo una recesión económica moi forte», explica.

Nesa nostalxia hai trampas. «Non temos todos a mesma idade», admite o músico que por exemplo en 1996 —título dun dos temas— apenas tiña dez anos e dificilmente vivira o que se canta. Esas trampas e esa nostalxia retranqueira poderase escoitar o sábado na súa presentación en Santiago (Capitol, 21.00 horas, 12 euros).