Aínda que o dito popular di que non hai que empezar a casa polo tellado, todos sabemos da importancia vital dun bo teito. Baixo del e da súa calidade decorre o bo funcionamento dunha vivenda ou da estrutura que este elemento cubra. En Galicia temos 3 xeitos tradicionais de cubertas ou tellados segundo os materiais que empreguemos: os de colmo ou vexetais, os de xisto ou lousa e os de tella. Os de colmo loxicamente son os máis antigos. Na actualidade quedan só na serra de Ancares principalmente, estando na meirande parte nunha situación de preocupante deterioro. Son as pallozas e os hórreos teitados con palla de centeo que van caendo en desuso e que sen unha política de conservación e rehabilitación adecuada acabarán desaparecendo, o cal é lamentábel porque con eles esmorece un gran patrimonio etnográfico. A isto hai que engadir tamén que o cultivo do centeo descendeu tanto que apenas hai palla deste tipo para elaborar estes teitos característicos. Mais o problema está en non aplicar unha política adecuada de conservación como se está a facer noutros lugares tanto da península como de Europa. Teitos de colmo podemos atopalos esporadicamente noutros puntos das montañas galegas, pero con moita menos frecuencia e tamén con diferentes materiais como as xestas. Outro tipo de cubertas e tellados autóctonos son os de lousa ou xisto.
Neste caso predominan en toda a área oriental galega. Se trazamos unha liña imaxinaria dende o norte da provincia da Coruña ata as comarcas orientais de Ourense temos toda a área de influencia. O xisto substituíu as antigas cubertas vexetais en moitos lugares de Galicia onde este tipo de pedra é predominante. A min particularmente a estética do lousado paréceme a que máis harmoniza co territorio galego en xeral, pero iso xa é unha cuestión de gustos. E por último, o terceiro dos tipos tradicionais de cuberta é o de tella, o máis abundante na actualidade en boa parte do territorio galego en todas as súas variantes que paseniño foi impoñéndose sobre os outros dous tipos. Cada zona de Galicia debería ter a súa propia peculiaridade en canto ás cubertas, e sobre todo debería primar a coherencia arquitectónica, así como a preservación da estética, pero as cousas están como están