A Real Academia Galega e a Fundación Barrié buscan a palabra do ano do 2022

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

RAG

25 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié abren á participación cidadá a escolla da voz dos últimos doce meses a través do Portal das Palabras, o proxecto que impulsan para a difusión do léxico galego. A fase de recolla de suxestións permanecerá aberta ata o domingo 11 de decembro e posteriormente todas as persoas que o desexen poderán participar na votación popular. Esta empezará o martes 13 e rematará o domingo 25 de decembro.

A campaña da Palabra do Ano busca o vocábulo que incida nalgunha cuestión especialmente destacada na conversa pública dos últimos doce meses, para ben ou para mal, que sintetice dalgún xeito como se viviron colectivamente ou que faga referencia a algún fenómeno ou preocupación emerxente, en ocasións a través de neoloxismos e noutras a través de voces presentes na lingua dende hai moito tempo. A escolla pode ser tamén unha maneira de sinalar arelas compartidas, pechar simbolicamente o ano e darlle a benvida ao que está a piques de comezar.

A última palabra terana as persoas que participen nesta elección popular, que constará de tres fases. A primeira delas, a de proposta de termos, permanecerá aberta ata o domingo 11 de decembro ás 23.59 horas. Posteriormente, someteranse a votación telemática os termos máis significativos e máis repetidos na primeira fase. Tras as festas do Nadal, darase a coñecer a elixida nos últimos días do 2022.

Nas edicións anteriores foron elixidas tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).

O Portal das Palabras é o proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana ofrece xogos, vídeos nos que os membros da Academia resolven dúbidas frecuentes e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno.