Segundo algúns filólogos, a palabra gaita podería ter a súa raíz no gótico gaits que significa cabra, xa que en numerosas ocasións o fol deste instrumento estaba feito coa súa pel. Hai quen di tamén que pode ter orixe africano relacionando as gaitas cun tipo de instrumentos de vento antigos, da familia dos óboes, coñecidos como algaita ou ghaita, empregado en países islamizados como Marrocos ou Níxer, pero en todo caso sempre sen fol. Outra das teorías, máis recente e menos espallada, é a que relaciona esta palabra co gaélico de Escocia e Irlanda onde gaoth, gaoithe ou gaoitha significa vento. Nos diferentes lugares da península onde a estes instrumentos se lles denominan gaitas, non sempre cadra que empreguen un fol complementario; tal é o caso das gaitas navarras, das serranas (Madrid) ou das gastoreñas (Cádiz), aínda que en ocasións sexa soprando coa técnica da respiración circular (sopro continuo inhalando polo nariz e exhalando pola boca). Non todas as gaitas teñen fol e ten sentido que no momento inicial este instrumento fose só a parte melódica (punteiro) á que se lle irían engadindo por evolución máis pezas como o fol, o roncón, etcétera. Polo tanto, desde a miña perspectiva, a teoría etimolóxica desenvolvida dende a cabra gótica gaits non deixa de ser máis que unha teoría formulada por un lingüista. A tese árabe de algaitha ou ghaita coa que se denominan así uns instrumentos semellantes aos punteiros das gaitas ten sentido tamén, pero neste caso xa non aparece o fol por ningún lado. E xa por último, queda a das palabras gaélicas de orixe céltico, gaoth, gaoithe ou gaoitha que significan vento. Se estes instrumentos tan populares en toda Europa teñen un elemento fundamental en común é que sen vento nunca chegarían a soar. Sen a acción do ar, ben sexa por insuflación humana, dende a boca, ou por insuflación mecánica, dende un dispositivo que atizase o aire, non funcionarían en ningún caso. Aquí englobariamos todo, porque o ar é o denominador común teñan fol de cabra, doutro material ou non o teñan. Sen vento non hai son, sen son non hai instrumento. Unha teoría máis, menos coñecida pero que por proximidade e por sentido dá que pensar. Aí queda!