Lembrando a arte de Monroy, nas orixes de Atlántica

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Un accidente de tráfico segou a vida do pintor vigués Guillermo Monroy aos 28 anos.
Un accidente de tráfico segou a vida do pintor vigués Guillermo Monroy aos 28 anos.

«Estamos ante unha obra madura, completa, rematada e moi contemporánea» e que, ademais, constitúe «un legado importante para os artistas novos que están empezando a súa traxectoria», subliña o investigador Ángel Cerviño

24 ene 2023 . Actualizado a las 21:59 h.

Antón Patiño, Menchu Lamas, Ángel Cerviño e Ramón Rozas reivindicaron este martes no Museo de Arte Contemporánea (Marco) a figura de Guillermo Monroy (Navia, Asturias, 1954-Vigo, 1982) no marco do ciclo Revisando a nosa arte, que promove o Consello da Cultura Galega (CCG). «Hoxe temos a vontade de pertencer a sempre», lembraba Patiño unha frase que lle escoitou a Monroy nunha conversa e que cre que recolle a personalidade e espírito deste creador falecido de xeito prematuro nun accidente de tráfico aos 28 anos, pero que foi quen de deixar «un abraiante e maduro proxecto persoal no que chama a atención o dinamismo, a liberdade e a radical frescura que lles conferiu ás súas obras». Da traxectoria profesional e vital do artista —que naceu en Asturias pero estivo moi unido a Vigo, onde viviu toda a súa vida— falaron nesta actividade coordinada por Rozas e que abre unha serie de encontros dedicados a analizar os artistas que integraron o grupo Atlántica, peza fundamental de axitación cultural dos 80.

Rozas inaugurou a sesión cun relatorio titulado Atlántica e Monroy. De Matisse ás Cíes, no que reflexionou arredor do que significou a eclosión deste grupo artístico e «o carácter colectivo das súas achegas» e trazou «un percorrido pola vida e obra de Monroy cun carácter didáctico» e «dende unha mirada actual, afastada da melancolía».

Cerviño destacou que, malia falecer novo, a obra de Monroy «non é de xuventude», senón ao contrario. «Estamos ante unha obra madura, completa, rematada e moi contemporánea» e que, ademais, constitúe «un legado importante para os artistas novos que están empezando a súa traxectoria», subliñou.

A xornada concluíu coa mesa redonda Monroy, onte e hoxe, con Cerviño e dous dos artistas máis próximos vital e emocionalmente ao pintor: Lamas e Patiño. «Xuntos, con Huete, fixemos Atlántica», apuntou Patiño, quen recordou a viaxe a Nova York que realizaron os catro membros fundadores, así como os faladoiros na casa do artista ou no Pincho do Gato, as súas amizades e a relación coa música. Lamas e Patiño profundaron nas chaves da pintura de Monroy, no grande instinto cromático que tiña e no seu sentido do ritmo e a harmonía, que traspasou á súa pintura. Ademais, comentaron cales eran as súas referencias, entre as que sobresaen nomes como Matisse, De Kooning ou Nolde. «Tiña o seu estudio en San Paio de Navia, nas aforas de Vigo, un estudio fermosísimo», apuntou Patiño, que destacou como «os seus cadros reflicten a atmosfera dese lugar: as xanelas, as flores, as paisaxes ou a praia de Samil». De feito, malia pintar dun xeito abstracto, na súa obra recoñécense certos elementos, como «as árbores de Samil e mesmo a curva onde tivo o tráxico accidente que rematou coa súa vida», concluíu Patiño.