Luis Seoane: grandeza e infortunio

CULTURA

Exposición de carteis de Picasso na Fundación Seoane, en foto de arquivo.
Exposición de carteis de Picasso na Fundación Seoane, en foto de arquivo. Paco Rodríguez

28 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Para moitos, Luis Seoane (1910-1979) é un artista plástico moi importante, cada vez máis valorado. Nese eido, alén de pintor, debuxante e gravador, foi ilustrador de obras moi valiosas da literatura galega, da española, da arxentina e dalgunha outra. Está por facer o catálogo deste diálogo do artista cos escritores. Pero tamén foi escritor, escritor polifacético: poeta (catro volumes en galego), ensaísta (os editoriais da revista Galicia Emigrante, sobre todo), autor de relatos (lémbrese Homaxe a un paxaro), teatro (en galego e en castelán), estudos de arte e literatura e cultivador do xornalismo radiofónico; tamén ocupa un posto moi relevante na epistolografía galega quen recibiu máis de tres mil cartas (hoxe na fundación do seu nome) e que escribiu, sen dúbida, moitas máis. De todo este material literario tampouco existe catálogo, nin dentro nin fóra da fundación.

Para o retrato cabal do home de Letras que foi Seoane, cómpre ter en conta a súa condición de activista cultural, condición que o levou, en Bos Aires, a crear heroicas editoriais e coleccións literarias que salvaron o discurso literario entre 1940 e 1945, sexenio no que na Galicia da Terra non se publicaban libros en idioma galego. El editou cincuenta. Con posterioridade publicou libros tan fundamentais como A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, e O libro dos amigos, de Otero Pedrayo. Hai que supoñer que os textos orixinais destes volumes obraban nos arquivos de Seoane. A fundación que leva o seu nome non publicou os inventarios de tan polifacético labor literario, e o que é peor, tampouco o catálogo da súa inxente obra plástica, se nos atemos ás recentes declaracións a La Voz de Galicia de Xavier Seoane e Xosé Díaz.

Todo este desleixo intelectual acontece vinte e oito anos despois de que Maruxa Fernández López legara á cidade da Coruña ese riquísimo patrimonio artístico e literario. Non hai un legado destas características e desta valía na cidade. Non coidalo debidamente e non amosalo, na súa magnitude, didacticamente, é un infortunio que manca a sensibilidade de miles de persoas e ensombrece a cultura galega.