Entroido

La Voz SON DO AR

CULTURA

28 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

n ano máis regresei ao entroido ourensán. Sende a miña perspectiva, na provincia de Ourense onde colle outra dimensión. Non é doado de entender todo o significado do Entroido con todas as súas variantes, persoeiros, tradicións e rituais porque vai alén do que é un simple carnaval. O que si é enriquecedor é ir mergullándose nel con respecto e aprendendo das antigas sabedorías que foron chegando ata nós dende tempo inmemorial. Nesta época do ano é onde se perfila o remate dun ciclo e a entrada doutro con todas as súas fascinantes representacións.

Volvín aos entroidos da miña infancia, recuperados e algo transformados. Recuperación, respecto, preservación e pedagoxía en torno a un tempo de transgresión e de transformación para seguir mantendo as esencias. Unha das figuras emblemáticas destes lugares ourensáns de Maceda e Esgos son os felos. Personaxes con traxes, carautas e rituais ben diferentes dun concello a outro pero cunha tradición ben asentada e cunha canteira que mantén a devoción pola cerimonia que garante a continuidade. Na mañá do sábado estiven vendo os felos de Maceda por varios pobos da Serra de San Mamede e gustei da sa interacción das xentes tanto do lugar como de fóra no seu percorrido. Palpábase a esencia do antigo mesturado coa actualidade. O son telúrico das chocas ancestrais compartindo contexto cos móbiles de última xeración. Todo un contraste! E o mesmo en Gomariz?Esgos coas Madamas e os Felos daquel concello. Excelente representación, quizais non tan coñecida como a de Maceda pero en calquera caso espectacular respectuosa e perfectamente encadrada no contexto que lle corresponde. Distinta é a baixada da Marela na tarde do sábado en Maceda. Un espectáculo brutal inspirado na ancestralidade, cunha estética impresionante onde se mesturan diferentes elementos propios e alleos pero de creación relativamente recente. Ben levado, vai camiño de se converter no maior dos reclamos do Entroido da provincia, pero ollo! aí é onde non hai que perder o norte. Isto non vai só de festa, trátase de cultura e de patrimonio con maiúsculas e as persoas que se acheguen a desfrutalo, deben facelo desde o coñecemento e o maior dos respectos.