O corpo das bestas

Juan L. Blanco Valdés

CULTURA

Fotograma do filme de Peckinpah «Cans de palla».
Fotograma do filme de Peckinpah «Cans de palla».

20 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende 1984, data do seu pasamento, Sam Peckinpah reside no empíreo da sétima arte pola moi merecida honra de ser o rei das trompadas en cámara lenta. Xa ve vostede, de certo que fixo outras cousas dignas de bitola, pero a estética da recepción é do máis caprichoso que hai. En 1971 o rexedor situou nunha poboación da atlántica e finisterrá península de Cornualles un dos seus máis memorables filmes, Cans de palla [Straw dogs], no que un refinado profesor e a súa fermosa dona son a mecha para acender nos paifocos locais, calculadamente brutarates, un violento lume de baixos instintos que remata nun clímax de sangue e vinganza. Na miña opinión, a violencia de Peckinpah era, se vostede me entende, un pouco, «en tecnicolor», comercial e impostada, malia que brillantemente interpretada. Os agresivos pailáns da peli o mesmo eran de Cornualles que podían ser de Motilleja, provincia de Albacete, pois resultaban uns malos moi de película, arquetípicos, envoltos en celofán, sen maior introspección nin perspectiva.

Máis modernamente, o cine mira a violencia, ese magma de maldade negra que vive en nós normalmente reprimido, con ollos curiosos, pois non en van o mundo evolucionou moito dende os tempos de don Samuel americano. Agora o finisterre atlántico é o cadro de fondo onde homes e mulleres senten que son a propia contorna, os húmidos bosques, o inverno bretemoso e o atávico ouveo da natureza os que inflúen, como un meigallo ou lousa do destino, no que son e no que fan e, sobre todo, no que odian.

Nove Goyas para As bestas de Rodrigo Sorogoyen e doce Mestres Mateo para O corpo aberto de Ángeles Huerta consagran Galicia no diabólico altar do medo, a ansiedade e o fatal designio da morte. Nas montañas orientais e na remota aldea de Lobosandaus (non existe un topónimo comparable no país) habita, segue habitando, o monstro, larvado, coa mitolóxica faciana de Romasanta, agardando, como os carrachos, que o can se deteña baixo a árbore.