Cans celebrará os 20 anos «con reencontros con vellos amigos»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Alfonso Pato, director do Festival de Cans, a actriz María Vázquez, a señora Alicia e o director Enrique Romero (primeira fila, de esquerda a dereita) durante a presentación da imaxe do Festival de Cans
Alfonso Pato, director do Festival de Cans, a actriz María Vázquez, a señora Alicia e o director Enrique Romero (primeira fila, de esquerda a dereita) durante a presentación da imaxe do Festival de Cans Cristina Padín.

A estrea en Galicia do filme «Honeymoon» abrirá o festival

23 mar 2023 . Actualizado a las 18:04 h.

O «agroglamour» do Festival de Cans, en O Porriño, chega a súa vixésima edición e faino incorporando unha xornada máis, de xeito que pasa a contar con cinco días, do 16 ao 20 de maio. Tamén recuperará os paseos en chimpíns para o público xeral despois de que pola pandemia se visen reducidos só para os invitados, así como o apartado educativo, polo que contan que pasen un millar de estudantes durante as mañás. Ademais, contará cunha programación especial polo Día das Letras Galegas. Será unha edición con sorpresas e con «reencontros con vellos amigos», avanzou o director do festival, Alfonso Pato, onte en Santiago. Así, está previsto que regresen antigos gañadores e persoas que estiveron vinculadas a esta especial cita co cinema e a cultura. «Será unha escusa para recuperar á xente do festival», engadiu Pato, apuntando que será en próximas datas cando darán máis detalles da programación.

Precisamente, a primeira gran referencia desta vixésima edición será a estrea en Galicia o 18 de maio do filme Honeymoon, dirixido por Enrique Otero, precisamente, un deses vellos amigos do festival, xa que estivo en anteriores edicións con curtametraxes e con proxectos musicais. «Síntome moi fillo de Cans», apuntou. Unha sensación que comparte a actriz María Vázquez, unha das protagonistas do filme xunto a Javier Gutiérrez e Natalie Poza. «Represéntame moito este festival, o agroglamour. Eu fuxo do glamour da nosa profesión, entón, estou en Cans feliz, encantada e representada», afirmou a recente gañadora da Biznaga de Ouro como mellor actriz no festival de Málaga. Na xornada seguinte á estrea haberá un coloquio no que participarán o director e Javier Gutiérrez, entre outros.

No acto de presentación en Santiago tamén deron a coñecer a imaxe gráfica desta edición, que pousa a ollada nesas «imperfeccións que ten Cans, que nos reivindicamos», apuntou Alfonso Pazo. Pablo Rodríguez, de Rei Zentolo, encargado desa imaxe, apunta que tomaron como referente os brochazos, tal e como se faría nas casas. Na presentación tamén participou Alicia Sánchez, coñecida por todos como señora Alicia, veciña emblemática da aldea de Cans de 95 anos que sempre colaborou coa iniciativa, aínda que nesta ocasión non sabe se poderá desprazarse ata a parroquia durante o festival.

Coincidindo co avance da programación, o Festival de Cans puxo á venda un primeiro pack conformado por entradas, camiseta, chapa de edición limitada e catálogo por 20 euros para os primeiros trescentos compradores. Estarán dispoñibles ata o 16 de abril, se non se esgotan con anterioridade. Agora, tamén están coa selección das curtametraxes que entrarán en competición.