O teatro de vangarda chegará ao Gaiás en maio con cinco estreas

Monste García SANTIAGO

CULTURA

Presentación da novena edición do festival Escenas do Cambio.
Presentación da novena edición do festival Escenas do Cambio. ROCIO CIBES

A nova edición de Escenas do Cambio programa dez propostas entre o 4 e o 6 de maio

25 abr 2023 . Actualizado a las 22:31 h.

Dez propostas escénicas marcadas pola vangarda, o risco e a experimentación. Cinco delas son estrea absoluta e outras catro poderanse ver por primeira vez en Galicia. Ese é o cartel da novena edición de Escenas do Cambio, que se desenvolverá do 4 ao 6 de maio na Cidade da Cultura como principal escenario, aínda que tamén sairá a outros espazos. Un festival no que teatro, danza, performance, música e poesía converxen para abordar cuestións como os dereitos que reclaman as persoas migrantes ou o colectivo queer, así como o poder dos afectos, a morte ou o futuro de Europa. «É un festival pensado como unha peza escénica», resalta a súa directora, Lola Correa.

Na primeira xornada haberá xa dúas estreas absolutas. A do poema escénico Poco (o alguien dirá que nos equivocamos), de Roberto García de Mesa, e a de Afectos, da compañía galega Kirenia Danza, que pecha a súa triloxía sobre «os vulnerables». Segundo a súa directora, Kirenia Martínez, é «un reclamo a volver a nuestro ser emocional, a ser solidarios, a ponernos en la piel del otro» ofrecendo unha reflexión sobre as persoas migrantes, entre outros.

Na segunda xornada a compañía galega Matarile ofrecerá Fráxil: handle with care, que, baixo a dirección de Ana Vallés, propón unha reflexión sobre unha nova idea de Europa. Cun itinerario pola Biblioteca de Galicia e o Xardín Literario chegará o terceiro percorrido en feminino de Escenas do Cambio. Se en anteriores edicións a danza e a dramaturxia serviron de base, nesta ocasión será a poesía. Os versos de Yolanda Castaño, Silvia Penas, Xiana Arias, Nuria Vil e Nieves Neira estarán acompañados, nalgúns casos, de música e imaxes. Será na xornada final, xunto a quinta das estreas, o concerto debut da agrupación Sons-Nús/Catro Nubes. Nel o dúo formado polo contrabaixista Baldo Martínez e a cantante Maite Dono —leva 7 anos sen actuar—, incorpora a Ton Risco, Xosé Miguélez e Anto Lloveras. O dúo retomará cancións nadas ao redor da figura de Uxío Novoneyra, que se mesturará con «jazz, música tradicional, poesía e o que queira ser», afirmou a cantante.

A variedade esténdese ao resto da programación. O festival abrirá cun itinerario polas rúas de Santiago a cargo do brasileiro Gustavo Ciríaco, Aquí mentres camiñamos. Na segunda xornada chegará Washington, de Matías Daporta, na que propón un cásting para o filme que Von Trier non chegou a facer. «Invita a especular sobre o que podería ser a película. [...] Non resolve preguntas senón que abre cuestións», afirmou Daporta. A programación complétana One night at the golder bar, unha declaración de amor musicada de Alberto Cortés; Háblame, cuerpo, de Nazario Díaz; e Aquellas que no deben morir, de Las Huecas, sobre a morte.

«O festival leva nove anos amosando proxectos que non se ven noutros sitios, que van máis alá do goce estético», resaltou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. As entradas e os abonos xa están á venda.