Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Traduttora, traditora

Juan L. Blanco Valdés

CULTURA

rocknrollfun

03 abr 2023 . Actualizado a las 10:04 h.

Atradución é un mal necesario, necesario pero un mal, ao cabo. Que non daría eu por ler a Soseki en xaponés ou a Shakespeare en inglés! Neste último caso, aí ten vostede a excelsa tradución que, á lingua de nós, fixo Ramón G. Izquierdo dos sonetos de don Guillerme que, con toda xustiza, foi merecente do galardón á mellor tradución no 2012 nos premios dese ano.

Eu lembro, e acaso vostede tamén, a zarracina que se organizou hai anos pola pretensión de traducir a Valle a galego. Se don Ramón de las barbas de chibo erguese a cabeza! «Que disparate, que barbaridade! —diría—, precisamente co traballo que me deu galeguizar o español no que falan os meus personaxes populares en Romance de lobos ou Divinas palabras! Como traducilos?». O artificio lingüístico de Valle é un dos maiores logros do seu inconfundible estilo. Por que privarnos de aprecialo?

Ora, noutros casos, baixo unha tradución poden latexar razóns de peso. Lembro, aínda con algo de mágoa, a discusión que, a conta da nosa colección universitaria de Clásicos do Pensamento Universal, tiven cunha colega dunha universidade mesetaria. «Pero que necesidade —argumentaba— tedes de traducir a unha lingua tan minoritaria a Newton, Platón ou MacLuhan, se xa están traducidos a español? Non é unha perda de tempo e de diñeiro?». En fin, que convencer a certos carpetovetónicos de que España é un país plural, no que existen sensibilidades moi diferenciadas pode ser unha angueira extenuante.

Agora, unha señora catalá, de apelido que transcende a cubata (Bacardit), sae con que non quere que unha novela súa, escrita na nobre lingua de Pla, se traduza a español. ¡Nos ha merengao!, diría dona Rosa, a do café. Polo visto, a escritora busca, con tan pintoresco designio, extirpar o cancro do bilingüismo por aquelas latitudes. En fin, non creo que ningún editor español vaia facerse un sepuku por non macelar a pureza do texto catalán e publicalo na infamante lingua de Quevedo. Que cansinismo. Isto dos indepes vai de mal en peor; cada vez parécese máis ao conto de Andersen: non hai cristián que os convenza de que o rei vai espido. Madía a levan.