Cando a finais dos anos 80 do pasado século XX descubrín e visitei o Castro de Elviña nas portas da cidade da Coruña, quedei fascinado. Eu era un adolescente e aquela era a primeira vez que me achegaba dun xeito directo ao noso pasado arqueolóxico. Escoitara falar deste lugar e incluso lera algunha publicación ao respecto mais nunca tivera a oportunidade de mergullarme persoalmente nunha experiencia así. O castro estaba nunha situación de semiabandono importante pero aínda así unha pequena parte da súa estrutura estaba escavada e podía verse con certa claridade. O característico e singular alxibe deste poboado estaba en bastantes boas condicións así como tamén un anaco da muralla e varias estruturas dalgunhas das súas vivendas de planta circular e tamén rectangulares.
Paralelamente ao descubrimento deste monumento souben tamén das pezas que nel se atoparon no ano 1953 durante o período de escavacións feitas naquela época que se gardan/expoñen no Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón da Coruña. Nese denominado tesouro destacan un colar articulado e unha diadema-cinto realizados cun minucioso traballo de ourivaría e decorados delicadamente con diferentes elementos xeométricos relacionados coa cultura celta. Volvín en diferentes ocasións posteriores na miña vida e vin como o lugar ía evolucionando grazas aos diferentes traballos de escavación e consolidación. Agora está nunha situación considerablemente mellor que oxalá se manteña e incluso poida avanzar no seu estudo e recuperación, ao tempo que se divulgue axeitadamente. Ao cabo é o noso patrimonio.
Hai uns días lembrei aquela primeira vez que fun alí nun concerto que dimos xusto ao pé dese histórico e fermoso castro. Tocamos nos curutos de Elviña nunha noite de luar fermosa e fresca, xusto por baixo das murallas iluminadas que fortifican o castro e mesmamente parecía un soño; ese soño cumprido dun rapaz que de adolescente se achegou ata alí movido pola inquedanza e a curiosidade, sen saber que o paso do tempo depararía un novo encontro con aquel tesouro do pasado inzado de boas lembranzas.