Justo Beramendi recibe a insignia de ouro do Museo do Pobo Galego: «Os meus posibles méritos son máis ben produto dun labor colectivo»

CULTURA

A institución recoñece así as décadas de traballo do historiador, que foi un dos cofundadores e exerceu varios cargos no padroado, incluíndo o de presidente ata o ano pasado
27 may 2023 . Actualizado a las 18:47 h.É difícil condensar nas poucas liñas que compoñen unha laudatio o traballo de case toda unha vida, unha xeira monumental que abrollou das arelas do Seminario de Estudos Galegos, permaneceu soterrada durante a ditadura e agromou de novo na década dos 70, aloumiñada pola angueira dun grupo de homes e mulleres que teimaron en facer medrar vizosa a casa grande da identidade galega.
É difícil, pero posible, condensar medio século de tarefas, de capacidades e de éxitos dun labrego da cultura como Justo Beramendi (Madrid, 1941), un galego por elección que dedicou boa parte do seu tempo a robustecer as raíces que hoxe sosteñen a Galicia. Por iso, o Museo do Pobo Galego concedeu lle onte a súa insignia de ouro, a máxima distinción dunha institución cultural na que estivo presente dende o seu xermolo, dende a idea da súa creación ata en cargos de xestión. Do seu padroado foi secretario (1976-1986), presidente de da Xunta Reitora (2000-2011) e presidente do propio dende o ano 2011 ata hai un ano, cando desbotou presentarse de novo para así completar unha remuda xeracional que consideraba necesaria para a continuidade do proxecto.
«Os meus posibles méritos son máis ben produto dun labor colectivo», dicía Justo Beramendi nunha pequena intervención na que remarcou que hai outras moitas persoas que teñen dedicado o mesmo tempo e con igual intensidade que el ao Museo do Pobo Galego, persoas que «merecen esta insignia tanto ou máis».
«As escasas medallas concedidas foron outorgadas a persoas con méritos extraordinarios como promotores da idea inicial do museo ou titulares de cargos de responsabilidade», explicaba Manuel Caamaño, membro do grupo que promoveu a distinción a Beramendi, durante a laudatio que fixo no acto de entrega da insignia de ouro do museo. O vencello de Justo Beramendi ao Museo do Pobo Galego é dobre: foi promotor da idea inicial, pero tamén tivo varios cargos na administración do proxecto.
O historiador, que é posuidor tamén dunha medalla Castelao e foi gañador do premio nacional de ensaio rematou a súa pequena intervención —hai uns meses recibiu outra homenaxe na que pronunciou un discurso e «como nestes meses non cambiou moito a miña relación co museo, tería que repetilo», explicaba co sentido do humor que o caracteriza— desexando «que o museo siga adiante, facendo o que ten que facer, durante moitas décadas máis».
E niso consistiu a asemblea xeral desta fin de semana, na que se aprobou o plan para os vindeiros meses, que inclúe seguir avanzando no plan das novas salas de exposición para o museo.