Luísa Villalta e o cancioneiro popular, favoritos para a homenaxe do Día das Letras 2024

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Adolfina e Rosa, amosando as súas habelencias cantoras nunha romaría familiar en Vila de Cruces, en torno a 1990 (entre elas, Rafael, fillo de Rosa), nunha imaxe cedida pola familia. Á dereita, Florencio López, o Cego dos Vilares, tocando o seu violín. Os tres encarnan a candidatura da poesía popular.
Adolfina e Rosa, amosando as súas habelencias cantoras nunha romaría familiar en Vila de Cruces, en torno a 1990 (entre elas, Rafael, fillo de Rosa), nunha imaxe cedida pola familia. Á dereita, Florencio López, o Cego dos Vilares, tocando o seu violín. Os tres encarnan a candidatura da poesía popular.

O poeta Antón Tovar completa as tres candidaturas entre as que este xoves elixe o pleno a RAG

29 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A escritora Luísa Villalta e o cancioneiro popular galego álzanse como favoritos para protagonizar a homenaxe do Día das Letras do 2024, segundo fontes consultadas próximas ao proceso de selección. A Real Academia Galega (RAG) elixe no pleno ordinario que se celebra este xoves entre as tres candidaturas que chegaron a esta fase derradeira, nunha listaxe que completa o poeta Antón Tovar. Na reunión, que terá lugar preto do mediodía na Coruña, no pazo municipal de María Pita —a sede da rúa Tabernas segue en obras—, a institución designará a figura que suceda a Francisco Fernández del Riego nesta festa maior da cultura e a lingua galegas. Todo indica que o escritor Antón Tovar (Pereira, Rairiz de Veiga, 1921-Ourense, 2004), proposto polo Museo da Limia nunha opción que chega defendida polos académico Xesús Alonso Montero e Andrés Torres Queiruga decaerá na primeira volta, o que deixará como finalistas a candidatura de Villalta e a da poesía popular.

Luísa Villalta, fotografada na Coruña no 2001; e Tovar, retratado na súa casa ourensá no 2002.
Luísa Villalta, fotografada na Coruña no 2001; e Tovar, retratado na súa casa ourensá no 2002. Xosé Castro | Pili Prol

Promovida polo Concello de Sada, a de Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) está avalada nada menos que pola rúbrica de nove académicos: Chus Pato, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Margarita Ledo Andión, Manuel Rivas, María López Sández, Euloxio Rodríguez Ruibal e María Dolores Sánchez Palomino. Non é a primeira vez que o seu nome se discute no pleno, polo que podería terlle chegado o seu momento a esta poeta, narradora, ensaísta, filóloga e violinista que achegaría de novo o Día das Letras Galegas aos mozos —Xela Arias fíxoo no 2021— despois de dúas entregas de homenaxeados como Florencio Delgado Gurriarán e Francisco Fernández del Riego, nados ambos nas dúas primeiras décadas do século XX.

Tamén a poesía popular suporía devolverlle o pulo da xente da pé á festa do 17 de maio. Cantareiras e pandeireteiras están hoxe ao cabo da rúa, especialmente desde que Eurovisión colocou sobre o tapete o éxito do trío integrado por Aida Tarrío e as irmás xemelgas Olaia e Sabela Maneiro, as Tanxugueiras. Nesa onda estase a poñer en valor tamén o labor dos músicos, musicólogos, etnógrafos e outros estudosos que percorren vilas, aldeas e lugares do país na procura de informantes para recoller, rexistrar e salvagardar o riquísimo patrimonio oral e musical do cancioneiro popular galego.

Impulsada pola académica Ana Boullón e apoiada polos seus colegas Antón Santamarina, Francisco Fernández Rei, Gonzalo Navaza e Rosario Álvarez, chega esta candidatura da chamada poesía popular. Despois de analizar fondamente este amplo campo das cántigas, e os seus principais representantes, e xa que a RAG require que a homenaxe sexa personalizada —non serve entidade nin ámbito nin corrente nin movemento cultural—, a candidatura formalizouse nas figuras das cantareiras Adolfina Casás Rama e —a súa sobriña— Rosa Casás Rama e de Florencio López Fernández, máis coñecido como o Cego dos Vilares.

É así que a RAG se debate entre os polos da poesía galega, entre a máis popular das cántigas e dúas das obras máis refinadas e intimistas (moi distintas entre si) do século XX: Villalta e Tovar.

A proposta das cántigas apela ao inxente traballo de recolleita de Dorothé Schubarth

A proposta promovida pola filóloga e académica Ana Boullón que enxalza a poesía popular apela á inxente tarefa da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth, que elaborou, xunto ao tamén académico Antón Santamarina, o Cancioneiro popular galego, un traballo pioneiro —e absolutamente referencial nesta esfera de investigación— que se publicou en sete volumes co patrocinio da Fundación Barrié, no ano 1984.

Foi deste catálogo de onde tomou as tres figuras que representarían o oficio das cántigas. Son as cantareiras Adolfina Casás Rama (1912-2009) e Rosa Casás Rama (1913-2005), que, pese a ser case do mesmo tempo, son tía e sobriña, respectivamente, aínda que se criaron e viviron como irmás. Ambas as dúas naceron en Cerceda e finaron na Coruña. A elas súmaselle na candidatura o afamado Florencio López Fernández, o Cego dos Vilares (Pin, A Fonsagrada, 1914-A Fontaneira, Baleira, 1986), un dos últimos intérpretes de cantares de cego que se coñece e que gravou (nun rexistro no que compartía protagonismo coa pandeireteira Eva Castiñeira) a comezo dos anos oitenta o musicólogo Pablo Quintana. Florencio López quedou cego de pequeno e, sendo adolescente, aprendeu doutro invidente —Xosé Santamaría, o Cego de Baleira— as artes de xograr para poder gañar o pan. Pero foi sobre todo autodidacta, un talento que se fraguou na necesidade.

Adolfina Casás Rama e Rosa Casás Rama tamén tiveron unha vida difícil, empezando pola súa condición —naquel tempo, moi aciaga— de fillas de solteira. Saían adiante facendo traballos duros, de carácter comunal, ían ás casas e no medio da faena practicaban a arte cantora. Eran xa daquela moi apreciadas polo enxeñosas que se amosaban e os moitos estilos que poñían en xogo. Rosa emigrou a Nottingham, en Inglaterra, e nos anos oitenta retornou para volver xuntarse coa súa tía Adolfina no lugar da Vila da Igrexa. Foi alí onde as atoparon Dorothé Schubart e Antón Santamarina. Schubart quedou fascinada coa variedade das melodías que manexaban, a orixinalidade das coplas e a súa capacidade de improvisación. Richi Casás, o neto de Rosa, recreou —baixo a lente do jazz— as súas letras e músicas no libro-cedé Fuliada na Vila.

En canto ao Cego dos Vilares —tío avó do exitoso cantautor Xoel López—, o músico Pancho Álvarez dedicoulle non hai moito un filme documental e a musicóloga África Domínguez ocupouse da súa traxectoria.