O CGAG resume trinta anos de vida cunha mostra compartida no Gaiás

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Xoán A. Soler

A exposición «Traballo en equipo» seleccionou máis de 140 obras

11 jul 2023 . Actualizado a las 23:08 h.

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) cumpre trinta anos, tempo no que este museo deseñado por Álvaro Siza e construído en Bonaval, un dos espazos de referencia de Santiago, conseguiu un fondo museístico de máis de 1.400 obras de arte. Preto dun 10 % delas poden revisitarse ata xaneiro do 2024 no marco da exposición «Traballo en equipo. 30 anos do CGAC» que por vez primeira leva parte dos fondos ao Museo Centro Gaiás, no que están expostas as pezas de maior tamaño, algunhas delas das máis importantes das súas coleccións que artellan un percorrido con discurso propio.

No CGAC, coa exposición comisariada por Santiago Olmo, poden verse pezas de coleccións propias e outras en préstamo que formaron parte de exposicións individuais e proxectos colectivos de artistas como Giovanni Anselmo, Esther Ferrer, Ángela de la Cruz, Hisae Ikenaga, Tracey Moffat, Valentín Vallhonrat, Dora García, Menchu Lamas ou Pamen Pereira, entre outros.

O percorrido inclúe un apartado especial con todas as publicacións do CGAC e do seu arquivo musical, que equipara ao museo galego co Pompidou. Tamén pode verse mobiliario de traballo deseñado por Siza especificamente para o CGAC e que despois desta mostra deixará de ser utilizado para converterse en novos elementos artísticos a preservar como tales.

A exposición é unha viaxe no tempo, cunha ollada á evolución artística dos últimos trinta anos e con vinculacións ao propio edificio do CGAC e o seu entorno. Proba disto é que na mesma fachada pódese ver unha intervención artística cun luminoso de Suso Fandiño que invita a achegarse ao museo. E nunha das paredes da entrada, xusto antes de acceder á primeira sala da mostra, chama a atención a obra «Flor y acanto» de Almudena Fernández Fariña, que vincula a xeometría do edificio coa ornamentación vexetal que está esculpida na fachada da igrexa veciña de San Domingos de Bonaval.

Varios quilómetros máis lonxe destes dous edificios, o Museo Centro Gaiás presta a altura dunha das súas plantas para a exposición irmá «Relatos contemporáneos desde a Colección CGAC», comisariada por Verónica Santos e Santiago Olmo, tamén con obras que lembran as temáticas que vertebran o museo de orixe como o feminismo, as miradas poscoloniais, a natureza e o mundo do traballo.

A escultura La Grande Broyeuse, da libanesa Mona Hatoum, é una das pezas máis chamativas que comparte espazo en harmonía e transición con obras de Leiro, Stephen Balkemhol, Azambuja, Mónica Alonso, Berta Cáccamo, Manal Al Dowayan e Pablo Barreiro, entre outros.

«Faro de contemporaneidade» adaptado ao seu tempo

A apertura da exposición permitiu que se achegasen ata o CGAC parte das persoas que fixeron del o museo no que se ten convertido, xunto a autoridades autonómicas e locais. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, participou no acto aludindo á «importancia transformadora do CGAC nas súas tres décadas de vida», considerándoo «faro de contemporaneidade». Tamén o presentou como unha mostra da transformación de Galicia desde 1993, cando abriu nun momento no que lembrou que o proxecto de país e o estado autonómico estaba en pleno desenvolvemento.

O feito de que fondos do CGAC tamén estean expostos no Museo Centro Gaiás permitiu ao conselleiro de Cultura facer un paralelismo entre as polémicas que provocaron ambos proxectos e que agora, afirmou, xa están superadas.

Santiago Olmo, director do CGAC, aproveitou o acto institucional para reclamar máis apoio económico para o museo e tamén para lembrar todo o traballo que hai detrás do centro cos artistas e o público como principais responsables do éxito do CGAC. Olmo, que chegou ao museo no ano 2015, lembrou que a filosofía de funcionamento e de apostas artísticas que vai na esencia do museo fai que a súa evolución como centro de arte estea moi ligada ao seu tempo, tanto no tipo de exposicións que leva acollido como na súa capacidade económica en tempos de crise.