Unha fundación pública preservará e xestionará o Panteón de Galegos Ilustres
CULTURA

O Museo do Pobo poderá asinar un convenio para a xestión do espazo
13 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O 25 de maio de 1891, previa autorización da familia de Rosalía de Castro, os restos da escritora do Rexurdimento chegaban á igrexa conventual de San Domingos de Bonaval, daquela un espazo público, converténdose co tempo no Panteón de Galegos Ilustres, xa que alí foron enterrados con posterioridade Alfredo Brañas (1906), Francisco Asorey (1961), Ramón Cabanillas (1967), Daniel Rodríguez Castelao (1984) e Domingo Fontán (1988). Pouco lle queda a este nome, xa que este mes, non antes do 25 de xullo, está previsto que o Parlamento galego aprobe a proposición de Lei do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres cun texto xa consensuado entre PP, BNG e PSdeG-PSOE.
A futura norma considera a igrexa de San Domingos de Bonaval, nun evidente estado de deterioro, espazo singular da identidade de Galicia. Este será o primeiro paso para proceder á súa restauración baixo a fórmula xurídica dunha fundación. A nova institución estará vinculada ao Parlamento de Galicia, o que permitirá garantir a súa continuidade no tempo como un elemento de unión da cultura galega. Terá asignación orzamentaria da Xunta para que o estado de conservación e o seu coidado estea á altura do valor do patrimonio cultural galego e das persoas alí enterradas. Non haberá novos enterramentos, o que non impide que no panteón se organicen, como ata o de agora, distintos actos de homenaxe a galegas e galegos que se teñan distinguido polos servizos prestados na defensa dos valores do pobo galego, da cultura, da lingua, da historia, da ciencia, da arte e da literatura.
Como toda fundación estará rexida por un padroado que xestionará o orzamento da institución unha vez constituída legalmente. Terá oito membros, sendo a máxima autoridade o presidente do Parlamento. Engádense a este padroado membros da mesa parlamentaria xunto a representantes da Xunta, o Concello de Santiago e o Arcebispado. Ademais, a Igrexa deberá ceder á fundación o uso de San Domingos de Bonaval e o Concello de Santiago, o dos terreos de acceso ao panteón.
Ampla comisión asesora
A nova institución contará cunha comisión asesora presidida pola persoa que en cada momento asuma a presidencia do Parlamento de Galicia e na que tamén haberá representación (un membro por entidade) do Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego, a Real Academia Galega de Belas Artes, as tres universidades públicas galegas, a Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago e un membro de cada un dos padroados das persoas enterradas no panteón. Como Administracións tamén estarán representadas nesta comisión asesora o Concello de Santiago e a as consellerías que en cada momento teñan competencias nos ámbitos da Cultura, Patrimonio Histórico e Facenda.
Dentro de todas estas institucións, o Museo do Pobo Galego terá máis responsabilidade, xa que unha das disposicións da proposición de lei recolle que a Fundación Panteón de Galegas e Galegos Ilustres e a Xunta poderán firmar un convenio de colaboración para que o Museo do Pobo Galego asuma a xestión ordinaria do espazo recibindo unha compensación económica.
Doce anos de espera por unha lei na que sempre houbo acordo
O Panteón de Galegos Ilustres é un dos espazos de referencia da cultura galega e cada ano acolle moitos actos de alto rango institucional e cultural sen que exista ningunha normativa sobre os usos que pode ter este espazo de enterramento e tamén un monumento artístico do século XIV.
O Museo do Pobo Galego, cunha vinculación física co espazo do panteón e tamén ideolóxica, xunto co Consello da Cultura, a Real Academia e as fundacións Rosalía de Castro, Castelao e Alfredo Brañas solicitaron no 2011 ao Parlamento que asumise o coidado do Panteón de Galegos Ilustres. Desde entón, esta demanda foi repetida en moitas ocasións sen que ata o de agora se chegase a acordo ningún, pese a que as forzas políticas recoñecían vontade e amplos puntos de consenso.
O último intento foi hai un ano cando o Museo do Pobo Galego, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega solicitaron a convocatoria dunha xunta de portavoces do Parlamento galego para buscar unha solución. A súa petición deu os seus froitos e na axenda do Hórreo está esta proposición de lei para a súa tramitación por vía de urxencia.
Unha vez aprobada a lei haberá que desenvolvela cun regulamento de uso respectuoso do espazo e outro de honras, protocolo e cerimonial que recolla uns requisitos mínimos que xustifiquen novas honras neste panteón. A lei contempla que para as decisións sobre ambos regulamentos deberá procurarse un acordo unánime dos membros do padroado, e, en todo caso, as decisións serán por maioría cualificada.