Proxección internacional de Arcadio

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGI

CULTURA

08 mar 2024 . Actualizado a las 14:19 h.

Mañá será homenaxeado o escritor e filólogo Arcadio López-Casanova (Lugo, 1942?Valencia, 2022), homenaxe que terá como escenario o espazo literario máis orixinal de Galicia: A insua dos poetas, na parroquia de Madarnás (O Carballiño), na décimo quinta edición que organiza a Fundación Insua dos Poetas, presidida polo poeta Luís González Tosar. Inaugurarase unha peza artística de Antón Pulido (Kermesse para Arcadio), presentarase unha antoloxía poética de López-Casanova, haberá intervencións musicais e falarán escritores e autoridades. Noutras edicións foron homenaxeados Eduardo Blanco-Amor, Díaz Castro, Pura Vázquez, Antón Tovar, Carlos Casares, Federico García Lorca ...

Pero cómpre ter en conta que mañá agasallaremos a un escritor que non só fixo poesía (tamén en castelán) senón a un filólogo rigoroso e moderno, a un filólogo que conta, en España, como un dos máis sagaces teóricos e analistas do feito poético. O libro de Arcadio Diccionario metodolóxico de análise literaria. A poesía. Textos líricos galegos da Idade Media ós nosos días (Galaxia, 2001) non ten par nos estudos literarios hispánicos. Compleméntao o tratado No texto do poema. Unha proposta teórica e metodolóxica sobre exemplos líricos galegos (Espiral Maior, 2020). Non existen, entre nós, libros que expliquen, con ese rigor e esa sensibilidade, os recursos lingüísticos polos que as palabras dos poetas son palabras artísticas.

Acontece que Arcadio, xa no ano 1982, era un mestre neste mester á hora de explicar a poesía de Antonio Machado, de Lorca, de Juan Ramón, de Miguel Hernández, de Garcilaso, de Quevedo... Cónstame que, desde ese ano, o manual que consultaban os opositores a cátedras para a preparación do exercicio de comentario de textos era o libro Poesía y novela, escrito en colaboración co profesor Eduardo Alonso (Valencia, 1982). Tamén teño noticias de que algúns do estudos de Arcadio están presentes nos departamentos universitarios dos Estados Unidos e outros países de América. En Galicia, que se saiba, non se publicou unha recensión, digna de tal nome, do maxistral Diccionario do ano 2001.