Leo, nestas datas, o epistolario Luís Seoane / Francisco Fernández del Riego, en boa parte inédito, e fágoo porque o 5 de setembro, en Vilanova de Lourenzá, no marco dun congreso, teño que impartir unha conferencia sobre estes dous intelectuais galegos, representantes máximos, o primeiro do exilio exterior, e o segundo, da intelectualidade que, na Galicia do exilio interior, non se resignaba. No epistolario, ás veces críptico, hai referencias que precisei lendo o terceiro volume de Castelao, a monumental biografía de Miguel Anxo Seixas Seoane (unhas catro mil páxinas, sen incluír a oceánica e meticulosa bibliografía). Que se saiba, non existe un estudo biográfico tan documentado e tan axeitadamente contextualizado como o deste investigador, nin sequera o conmovedor e eruditísimo de Otero Pedrayo sobre o P. Feijoo (1972). Os dous comparten o mesmo desleixo ou agravio bibliográfico: ningún suscitou unha recensión digna desa proeza intelectual. Abonda con ler, no terceiro volume, as páxinas dedicadas á presenza de Ramón Piñeiro en París (1946) para decatármonos de que, aínda existindo tantos estudos sobre este, cómpre volver sobre el despois da lectura de páxinas tan esclarecedoras, unhas páxinas —tamén debo salientalo— nas que nos doe a dramática soedade de Castelao nos meses franceses (París) en que foi ministro sen carteira no Goberno republicano do exilio presidido por José Giral (1947). Ata hai datos novos sobre Otero Pedrayo, Manuel Martínez Risco e Florencio Delgado Gurriarán!
Quen faga incursións atentas noutros capítulos deste volume (1940-1950) ou en calquera dos dous primeiros, axiña percibirá que o Castelao de Seixas Seoane (Galaxia, 2019, 2020, 2021) é, nalgún sentido, unha monografía impar no eido dos estudos biográficos galegos (moi poucos, fóra, se asemellan). Esta triloxía é, sen dúbida, a biografía de Seixas Seoane sobre Castelao, pero tamén é o inxente corpus de textos e de datos cos que terán que contar, inescusablemente, cantos, no futuro, queiran suxerir novas interpretacións de determinados aspectos ou capítulos da vida e obra do xenial rianxeiro.