Esquecendo a Rosalía?

CULTURA

Rosalía de Castro
Rosalía de Castro Real Academia Galega

12 oct 2023 . Actualizado a las 13:45 h.

Rosalía de Castro comezou a súa carreira literaria aló polo ano 1857. Seis anos despois, en 1863, xa era unha escritora consagrada, tras publicar o seu primeiro libro de poemas, Cantares gallegos, que, como se ten escrito e reescrito, é o primeiro libro verdadeiramente maxistral no galego moderno. Ata o escritor arxentino Jorge Luis Borges, frustrado Premio Nobel de Literatura por cuestións ideolóxicas, subliñou esta realidade poética incontestable.

Con Follas novas (1880) Rosalía de Castro inaugurou a poética do desasosego e converteuse na voz esencial do Rexurdimento da nosa literatura, xunto con Curros e Pondal. Dentro dos seus iguais, a nosa poeta contou tamén coa admiración de Federico García Lorca, Juan Ramón Jiménez, Azorín, Dámaso Alonso e Cernuda, entre outros.

Qué está a pasar agora, cando un estraño silencio parece querer esborroar un pasado tan luminoso? Rosalía, consciente do seu valor poético e literario, cría no concepto romántico de que o escritor ten unha misión que cumprir para o engrandecemento da sociedade (no seu caso, de Galicia e do noso idioma galego). Fixo canto puido e así lle foi recoñecido merecidamente. Pero o tempo non pasa en van e quizais chegou o momento de volver sobre a súa literatura para recuperar o vieiro propio e irrenunciable que ela abriu. Isto é, recuperar a presenza imborrable da súa obra, pero tamén da súa actitude social, sempre moi reivindicativa.

Por todo isto non estaría nada ben que comezásemos a afastarnos de Rosalía. Hai demasiada identidade galega na súa obra como para permitirnos o estúpido luxo de esquecela. Textos brillantes que se escribiron sobre ela deberían de ser recuperados. Textos de Xesús Alonso Montero, Marina Mayoral, Catherine Davies e moitos outros, todos xustamente reivindicativos. Neles están as reflexións de partida para lograr unha recuperación imprescindible e irrenunciable. Incontestablemente.

Ninguén atacará a Rosalía de Castro, certo, pero case todos sabemos que o silencio tamén mata ó provocar esquecementos enterradores. Non é o caso da nosa gran poeta, ou non o é aínda, pero non deberíamos esquecer a dinámica esfareladora do paso de tempo. Porque soterrar só é propio de culturas sen raíces vivificantes. Algo impropio da cultura galega.