O grupo de teatro Sarabela reivindica o galego, con humor e amor, en «Made in Galiza»

María Doallo Freire
María Doallo OURENSE

CULTURA

Miguel Villar

A compañía estrea o día 21 en Ourense unha adaptación da obra de Sechu Sende 

21 sep 2023 . Actualizado a las 13:50 h.

A compañía teatral Sarabela presentará en Ourense a súa nova produción. Será no Teatro Principal os días 21, 22 e 23 de setembro ás 21.00 horas. «Con ela arrinca a programación de teatro galego no Principal», explica Olga Mojón, directora do espazo cultural ourensán. A función é unha adaptación de Made in Galiza, unha obra de Sechu Sende, na que se reivindica a fala galega con amor e moitísimos toques de humor. «Decantámonos por este texto, que foi escollido no 2017 como libro do ano, porque pon en valor parte do noso patrimonio, e mostra moi ben a relación que os galegos establecemos co noso idioma», explica Fina Calleja, directora da función, que tamén se encargou da dramaturxia xunto con Fernando Dacosta. Optaron por adaptar o relato do libro O país da lingua máis difícil do mundo co fin de analizar por qué isto é así. «Farémolo con moitísima retranca e cun mosaico de contos que nos farán pasar por escenas marabillosas», apunta Calleja. 

A obra está protagonizada por uns avós que non se entenden coa súa propia familia porque falan en distintos idiomas. Ás táboas subiranse Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Josito Porto, que contarán en escena con soportes visuais da artista ourensá Iris Branco. «Queremos recuperar a lingua para a xuventude porque hai unha gran perda de falantes de galego. Todos recordamos o bum que supuxo o Xabarín Club e gustaríanos que con estes proxectos culturais, os rapaces se adentren no idioma», di Fernando Dacosta. «É unha reflexión feita con amor e con moitísimo humor, que vén a dicirnos que o galego sobre todo hai que falalo», engade.

A estrea será o próximo xoves, día 21, ás 21.00 horas no Principal e contará coa presenza do autor Sechu Sende. O venres pola mañá haberá un pase para os centros de ensinaza de Ourense e logo quedan outras dúas sesións, unha ás nove da noite e outra o sábado á mesma hora. As entradas poden mercarse na web de A Taquilla, cun prezo que vai dende os 10 aos 15 euros. «É unha conxunción perfecta que seguro vai darnos momentos moi divertidos, ao mesmo tempo que rascará nas nosas conciencias. A lingua é un tesouro que temos coidar e conservar entre todos», termina César Fernández, vicepresidente da Diputación de Ourense.