O xornalista betanceiro adxudícase os 18.000 euros do galardón co relato «Río Miño, un viaje entre solsticios»
21 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O xornalista de La Voz e escritor Xesús Fraga (Londres, 1971) fíxose este mércores en Barcelona coa 18.ª edición do premio Eurostars Hotels de narrativa de viaxes co seu orixinal Río Miño, un viaje entre solsticios, que acadou o apoio unánime do xurado. O concurso —promovido polo Grupo Hotusa coa colaboración do selo RBA e a Universitat de Barcelona— está dotado con 18.000 euros e recibiu máis dun cento de manuscritos. Fraga amosou a súa felicidade e quixo agradecer á compañía turística que preside o chantadino Amancio López Seijas a achega que este certame fai «ao desenvolvemento dun xénero da literatura tan antigo como a mesma literatura». E enxalzou a importancia do río Miño como fonte de inspiración para a súa obra: «Foi o meu itinerario de principio a fin, desde o seu nacemento, disputado, como o de todos os grandes ríos, ata a súa disolución en augas do Atlántico».
Premio Nacional de Narrativa no 2021 pola súa novela Virtudes (e misterios), Fraga confesa que a literatura de viaxes sempre estivo presente nas súas lecturas. «As narracións das expedicións dos exploradores, por exemplo. Lembro ler de cativo sobre a Kon-Tiki ou a terrible travesía antártica de Scott. Nesa época, como moitos dos que medramos nos 70, tamén estaba fascinado pola carreira espacial, que, supoño, non deixa de ser a viaxe definitiva».
Pero é que moitos dos libros que o marcaron, incide, narran viaxes: a Odisea, O señor dos aneis, Na estrada... «Conforme foi pasando o tempo e se foi ampliando o abano de lecturas, entraron aí grandes nomes do xénero: Paul Bowles, Bruce Chatwin, Eric Newby, Paul Theroux, Patrick Leigh Fermor... É un xénero moi diverso, tanto como cada libro, e que fai que poidas gustar igualmente de Lawrence Durrell como de Bill Bryson. Tamén hai cabida para libros que son case un xénero en si mesmos, como Os aneis de Saturno, de Sebald. E Contos da Coruña, de Xurxo Souto, está no andel de literatura de viaxes na casa».
E nesa literatura de viaxes, concede para explicar a elección do tema, os ríos son unha presenza poderosa. Dende os relatos do XIX na procura das fontes do Nilo ata o Danubio de Magris. «Impactoume moito a primeira lectura, hai moitos anos, de El río del olvido, de Julio Llamazares. Sempre pensei que era un estímulo perfecto para percorrer o Mandeo, o gran río betanceiro. Pero, cando chegou o momento de andar un río, a escolla foi a do Miño».
Se escribir sobre unha camiñada pola beira do Mandeo implicaría un enfoque máis intimista, o Miño permitíalle abrir máis o foco e contar outras cousas. «Creo que a raíz primixenia disto podemos buscala nunha clase de 8.º da EXB, con Antón Laia, na que había que debuxar a bandeira galega, e fomos moitos os que debuxamos a banda azul ao revés, porque pensabamos que representaba o Miño. E é certo que o Miño é un bo soporte para contar Galicia: permíteche percorrer algunhas das súas paisaxes máis diversas, da montaña ao estuario, do val ao canón, dos regatos aos encoros. E tamén a paisaxe humana: castros, aldeas, vilas e cidades, a romanización e a Idade Media, o comercio, balnearios, as guerras do XIX, a construción de pontes, a pesca fluvial, da anguía á lamprea, cultivos agrícolas e viñedos... Tamén ten un importante caudal de lendas e personaxes míticos (das feiticeiras ás aureanas), e ata non hai pouco estaba poboado por persoas indisociables ao seu curso, como muiñeiros, lavandeiras ou barqueiros, que van camiño de ser personaxes tan míticos como os das lendas». O arco narrativo do libro segue o nacemento do Miño ata a desembocadura no Atlántico. «A viaxe empeza no pedregal de Irimia e Fonmiñá, no abrente do solsticio de inverno —detalla o autor—, e remata ao pasar Camiña, no solpor do solsticio de verán. Da noite máis longa á máis curta. Era un proxecto que estaba aí no disco duro e que recuperei para presentalo ao premio, a ver que pasaba». E pasou que tivo éxito.
Fraga lembra como releu El río del olvido mentres editaba o texto, pero tamén The Old Ways, de Robert Macfarlane (Las viejas sendas, na edición en español), xunto coa Guía de Galicia, de Otero Pedrayo. «Logo fun ampliando algunhas pasaxes con lecturas específicas, sobre as pesqueiras, por exemplo, ou as lendas asociadas ao río. Tamén fixen traballo de hemeroteca, como a lectura das crónicas de El Pueblo Gallego sobre a parada improvisada de Charles Lindbergh no Miño á altura de Tui. Pero tamén hai colleita propia, como o relato que me contou Antón Castro, de Fuxan os Ventos, de cando en 1981 el e un grupo de músicos cos seus instrumentos percorreron o Miño dende Lugo ata o Atlántico nunhas balsas de salvamento da Mariña soviética que mercaran. E logo, como non podía faltar, están os encontros coa xente que che vai saíndo ao paso durante a viaxe», conta.
Aínda que ten máis proxectos literarios en diversas fases de desenvolvemento, e un par de encargos que lle fixeron nos últimos meses, gustaríalle volver ao xénero da viaxe. «Un soño que teño dende hai tempo —admite— é percorrer a gran illa británica de norte a sur (ou de sur a norte, xa se verá). Pero, sen ir tan lonxe, hai algún camiño histórico en Galicia (e non é o de Santiago) que me gustaría andar para escribir sobre el. E sería bonito, co tempo, percorrer o Sil dende Os Peares ata o seu nacemento e incluílo nunha versión ampliada deste libro. E quen sabe, igual ao final tamén se pode facer ese libro sobre o Mandeo», anota.
O libro terá unha edición non venal para os hoteis de Hotusa e unha comercial que publicará RBA, en principio, a mediados de novembro. Fraga traballa xa para sacar adiante unha edición en galego.