Pedro Sánchez enxalza a valentía de Rosalía de Castro por ter escrito en galego nun tempo en que era «la lengua de los pobres»

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Luis García Montero, Rosario Álvarez, Pedro Sánchez e Francina Armengol, este luns, na Caja de las Letras.
Luis García Montero, Rosario Álvarez, Pedro Sánchez e Francina Armengol, este luns, na Caja de las Letras. Valentina Deluca

O Instituto Cervantes acolle un acto do Día Europeo das Linguas en que o Consello da Cultura deposita na Caja de las Letras un legado simbólico «in memoriam» da poeta

25 sep 2023 . Actualizado a las 23:24 h.

O presidente do Goberno de España en funcións, Pedro Sánchez, enxalzou onte a valentía de Rosalía de Castro por ter escrito en galego nun tempo en que era «una lengua de pobres». Fíxoo na sede do Instituto Cervantes en Madrid no ámbito do Día Europeo da Linguas, nun encontro que se converteu nunha reivindicación das figuras de Lorca e Rosalía —«dos símbolos genuinos de nuestra cultura», afirmou Sánchez—, como exemplos da defensa da pluralidade lingüística do Estado español, da diversidade idiomática como ferramenta de convivencia e de comunidade, e mostra da riqueza do patrimonio cultural. No marco da presidencia española do Consello de Europa, explicou Sánchez, acolleron a entrega por parte do Consello da Cultura Galega dun legado simbólico in memoriam da autora de Follas novas que depositaron na Caja de las Letras.

«Rosalía de Castro se enfrentó en vida a enormes barreras para ejercer su vocación literaria, se atrevió a escribir, es decir, a pensar y a crear. Y lo hizo en gallego, entonces una lengua desprestigiada, despreciada, una lengua de pobres», subliñou o presidente en funcións, que recordou que ademais o fixo sendo muller, «en un tiempo, como ella misma decía, en que no les estaba permitido a las mujeres escribir lo que sentían y lo que sabían». Quedan aínda, profundou, muros que derribar para que moitas mulleres poidan contar o que senten e o que saben na cultura, na empresa, na política e no deporte, no día a día, recalcou, en que se pode comprobar cando un se achega á actualidade do país. «Pero serían mucho más altos [eses muros] sin el ejemplo de mujeres valientes como Rosalía de Castro», eloxiou Sánchez.

Quizais foron esa afouteza e ese exemplo, razoou, o que levou a Lorca a dedicarlle a Rosalía un dos seus poemas galegos, Canzón de cuna pra Rosalía. Si, dixo, «un hombre del sur, un andaluz de corazón, se atrevió a escribir en gallego de tan bella que le resultó esa lengua. En ese poema llama a la poeta miña amiga. Igual que Lorca defendió las lenguas de España y llevó el español a sus cotas más altas de expresión —concluiu Sánchez—, reivindico que podamos llamarnos unos a otros meus amigos, amics meus, lagunak, amigos míos».

Neste sentido, o encontro incluíu unha lectura do poema Grito hacia Roma de Federico García Lorca, que escribira durante a súa estancia en Nova York, en 1929, cando soubo da firma do Tratado de Letrán polo papa Pío XI e Mussolini, en que confluían os seus intereses, o que lle fixo subir ao edificio máis alto da cidade (entonces o Chrysler Building) para berrar cara Roma nun intento de «sustituir el odio por el amor», remarcou o director do Instituto Cervantes, Luis García Montero. O poema leuse traducido a diversas linguas, entre elas o galego, da que se encargou Manuel Rivas, que tras un «¡Viva as linguas!» dixo que Lorca agasallou a Galicia co mellor que se pode facer a unha lingua e unha cultura: «Compuxo Seis poemas galegos», anotou para recordar que o poemario imprentouse no Nadal de 1935 e que probablemente foi o derradeiro libro que Lorca viu publicar en vida. «O seu editor, Ánxel Casal, e Lorca foron asasinados a uns mil quilómetros de distancia a mesma noite do mes de agosto do 36».

Lorca, incidiu García Montero, foi un dos grandes expoñentes da interculturalidade, un concepto que —dixo Montero— el prefire ao de plurinacionalidade. En 1926, relatou, cando preparaba a edición de Romancero gitano, Lorca declarouse furibundo catalanista para defender a cultura catalá e desde moi novo xa tiña afirmado o seu amor pola cultura e a terra galegas. «Le dedicó su mirada en 1918 en Impresiones y paisajes, en 1919 escribió una salutación elegíaca a Rosalía, de la que se sentía heredero, y hacia el final de su vida escribió Seis poemas galegos, haciendo suya la lengua de Galicia», evocou García Montero, que dixo que foi isto o que lles decidiu a, en nome da interculturalidade, acoller o legado de Rosalía.

Nese «abrazo de Granada a Compostela», proclamou a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, fraguouse a entrega dese legado material e simbólico de quen é representante máxima do celme da identidade galega, a lingua e a cultura, Rosalía, «reverenciada por todos e nunca cuestionada, orgullo dun pobo enteiro, desde todos os lugares que habitamos os galegos, navegantes de todos os mares e cidadáns de todos os continentes». Este presente, detallou, quixeron que «oscilase entre a propia voz da poeta e a vixencia do seu legado inmorredoiro, década tras década, xeración tras xeración», selo «dunha muller poeta dunha irrepetible categoría literaria e un pensamento revolucionario».

Álvarez destacou que o material que entregou inclúe libros como un exemplar de Cantares Gallegos (1863) editado por Galaxia no centenario ou o facsímile facilitado pola Real Academia Galega «da primeira edición de Follas novas, saída en La Habana grazas ás xenerosas contribucións dos emigrantes galegos», apuntou.

Como a natureza e a flora humilde están sempre presentes na obra rosaliana, tamén deixou un exemplar de O herbario de Rosalía e, da man da Fundación Rosalía, unha colección de láminas do herbario; xunto cun audiovisual inédito na que as láminas van acompañadas dun recitado profesional dos poemas aludidos.

A música está presente nun disco de vinilo de Amancio Prada titulado Rosalía de Castro-Amancio Prada (1975), cunha dedicatoria que o cantautor fixo expresamente para a ocasión. Amancio Praza cedeu tamén un estoxo coas seis cancións galegas de Lorca.

O conxunto buscaba tamén amosar que Rosalía é fonte nutricia de novos proxectos culturais. Faino cun libro de ensaios dedicados a ela por personalidades da intelectualidade galega e portuguesa no ano 1952; unha conferencia pronunciada por Luis García Montero, con ocasión do 150.º aniversario de Cantares Gallegos; e un libro-disco en que nove das mellores poetas galegas contemporáneas dialogan poeticamente con Rosalía.

Hai tamén un moníptico cedido pola Asociación Astronómica que permite localizar a estrela Rosaliadecastro (que loce no ceo desde o 17 de decembro do 2019 cando a Unión Astronómica Internacional puxo o seu nome a unha estrela da constelación de Serpentario, e Riosar ao seu exoplaneta). Unha camiseta coa imaxe de Rosalía deseñada por Pablo Rodríguez/Xosé Miranda «con aires warholianos» e unha chapa coa rosa de cen follas completan o legado.

Concerto «A palabra na música»

No marco desta celebración, informa o Consello da Cultura, este martes, día 26 (propio Día Europeo das Linguas), terá lugar unha actividade titulada A palabra na música, unha velada de música e poesía. Nesta ocasión, os autores que recitarán os poemas son Eduard Escoffet, Pilar Adón, Leire Bilbao e Manuel Rivas. Mentres que a parte musical estará a cargo dos artistas Sheila Blanco, Renaldo & Clara, Izaro e Xoel López.