O ourensán que tocou nun concerto privado para Murakami: «Foi unha das mellores experiencias da miña vida»
CULTURA
![Miguélez, ao saxofón, no concerto previo, o 14 de outubro.](https://img.lavdg.com/sc/2qrwJcLCi9Cr0LhK9_Z_izuvU9Y=/480x/2023/10/19/00121697748661876930851/Foto/j_20231019_224825000.jpg)
O saxofonista Xosé Miguélez interpretou para o escritor xaponés obras de Charlie Parker e Tom Jobim nun quinteto que incluía aos músicos tamén galegos Pablo Añón (saxo alto) e Rafa Morales (baixista)
20 oct 2023 . Actualizado a las 16:37 h.
Os Premios Princesa de Asturias chegaron este ano con novidades. Entre outras, a organización de actividades paralelas en Xixón —ata este ano a fundación dos galardóns centralizaba todos os actos en Oviedo— e a proposta dun ciclo de concertos de jazz, aproveitando a relación especial de Murakami con estas músicas. O autor xaponés tivo durante anos un club de jazz, e incluso na súa literatura contan cunha presenza destacada intérpretes e temas deste estilo.
A Fundación Princesa de Asturias decidiu organizar un ciclo de concertos e mesmo recrearon un club de jazz para acoller as actividades. E así foi como tres músicos galegos remataron tocando para Murakami nun concerto privado. Os que tiveron o privilexio de participar nesa sesión nun formato de quinteto foron Xosé Miguélez (saxo tenor), Pablo Añón (saxo alto) e Rafa Morales (baixista).
De novo, camiño de Oviedo, onde volvían tocar este xoves, o ourensán Xosé Miguélez (Ourense, 1972) falaba da experiencia. «A organización dos premios decidiu promover unha serie de concertos e encargoulles o proxecto aos pianistas Jacobo de Miguel e César Latorre. E, como se dá a circunstancia de que toco cos dous, pois chamáronme para o proxecto», sinalaba, xa chegando á cidade para ensaiar.
Unha das propostas para a ocasión foi crear un disco tomando como partida un conto de Murakami. «Na súa obra Primeira persoa do singular ten un relato no que fala dun disco de Charlie Parker de bossa nova. Foi unha invención xenial e imposible, porque Charlie Parker morreu en 1955 e a bossa nova naceu a finais da década dos cincuenta, co cal el non chegou a coñecela». Na narración do escritor xaponés figuran ata os temas que formaban parte dese álbum que nunca existiu. E eses oito temas, catro de Parker e outros tantos de Tom Jobim, foron os elixidos para o concerto que se interpretou na noite deste xoves en Oviedo.
Pero a sorpresa xa chegara hai uns días. «Chamáronnos para dicirnos se podiamos facer un concerto privado para Murakami. Debe ser que viu o que tiñamos previsto e preguntou por esa posibilidade. E tiramos de volta á noite para Xixón. Foi espectacular, non o esquecerei nunca. Tocar en privado para Murakami foi a mellor experiencia da miña vida. Foron corenta minutos tocando para el e para a súa muller. Estaba alí, sentado nunha butaca e cunha copa de viño, e vivimos unha oportunidade única.
Non foi só tocar para el, senón que gozabas da sesión porque nunca vin ninguén tan atento nun concerto: absorbía todo o que soaba sen pestanexar. Ao rematar, interesouse por como se nos ocorrera a idea de facer ese concerto a partir do relato e preguntounos se podía facerse unha foto connosco. Fixémola, e tamén recolleu o momento o fotógrafo dos Princesa de Asturias. Nós non puidemos, porque el é moi reservado coa súa imaxe. Supoño que a pasarán despois dos premios».