
Cómpre lembrar aos grandes poetas para que a súa voz non deixe de estar presente nos poucos espazos onde a poesía aínda é acollida con agarimo. A voz de Arcadio López-Casanova (1942?2022) acaba de ser homenaxeada co decoro debido (29 de xullo) na Ínsua dos Poetas, o mellor territorio ecolóxico para a causa poética. Nesa ocasión, Luís González Tosar presentou unha antoloxía de poesía galega de Arcadio que el mesmo preparou e prologou.
Nesa sesión, tiven a ledicia de reencontrarme, de novo, con Xosé Manuel López-Casanova (fora alumno meu), cada vez máis atento ao legado literario do seu irmán, e, ao final da xornada, agasalloume cunha presa de folios mecanoscritos nos departamentos censorios da Administración franquista. Nuns, a prosa censoria denuncia dous poemas de Arcadio do seu primeiro libro, Hombre último (Lugo, Celta, 1961), cuestión sobre a que algo temos escrito. Non se sabía, porén, que dúas composicións de Palabra de honor, o primeiro volume do autor en lingua galega (Galaxia, 1967) desacougaran a gadoupa dos funcionarios da censura. Titulábanse Palabras na tarde pra Rosalía, que xa fora publicado en Grial, e In memoriam, onde hai versos coma estes: «A todos / os chamaron. Dixéronlles: España / necesita soldados / [...] Cousas da guerra (A historia / durou tres anos) / Ningún volveu. Mortos están / sin saber por qué loitaron; / a súa patria era a terra / sucada polo arado».
Para as coordenadas da época, o poema era un pouco excesivo. O caso foi que, xa o libro impreso e difundido, a autoridade competente optou por arrincar as follas das dúas composicións, proposta á que contestou Fernández del Riego, o responsable editorial, dicindo «que solicitaría de las librerías donde los había enviado para suprimir dichas páginas y sabemos que solicitó la devolución de los ejemplares distribuidos, si bien existen algunos que habían sido ya distribuidos entre los suscriptores de la colección» (Delegación de Información).
Curioso episodio censorio que algún día trataremos in extenso. Hoxe por hoxe, non sei de ninguén que posúa un exemplar mutilado de Palabra de honor.