Kalandraka trae ao galego o relato sobre o percorrido polo río Miño co que Xesús Fraga gañou o premio Eurostars Hotels de narrativa de viaxes
26 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.O selo pontevedrés Kalandraka trae ao galego o ensaio Río Miño. Un viaje entre solsticios, un percorrido físico e sentimental ao longo da canle fluvial raíña co que o xornalista Xesús Fraga (Londres, 1971) gañou hai dous meses a 18.ª edición do premio Eurostars Hotels de narrativa de viaxes. Dotado economicamente con 18.000 euros, o galardón comportaba a publicación do texto castelán por parte de RBA —que chegou ás librarías o pasado día 9—. E desde o día 13 o lector tamén pode atopar a obra en galego. O vindeiro xoves día 30 celebrarase a primeira das presentacións, na Coruña (librería Moito Conto, 19.00 horas), á que seguirá logo un coloquio na feira das industrias culturais Culturgal, en Pontevedra (día 3 de decembro ás 12.00 horas) e mais na librería Biblos de Betanzos (día 14 de decembro, 20.00 horas).
Un texto que vai alén da superficie, dos lugares comúns, dos trillados sucos do camiñar que deixan os cada vez máis omnipresentes turistas. Xa dicía Chesterton aquilo de que o viaxeiro ve o que ve, mentres o turista ve só o que veu disposto a ver.
Observación repousada
Hai en Río Miño moito labor de documentación, estudo, lectura e planificación —tamén coñecemento e sensibilidade probados—, pero sobre todo hai observación, unha observación lenta, repousada, agarimosa e calada, a que só pode conformar unha boa conxunción da mirada (audaz) do xornalista e a mirada (limpa) do poeta. Quizais sexa por isto que comeza o seu relato apelando a Cunqueiro e á resposta que lle dá á cerva namorada das cantigas cando esta lle pregunta como é o mar: «A auga doce que bebes salgada será». E anota o viaxeiro betanceiro pero nado londiniense —a sabedoría da moi ilustre tradición británica da literatura de viaxes late na súa escrita—: «Convertemos o río na mellor metáfora do que significan vivir e morrer».
Durante seis meses, entre os solsticios de inverno e de verán, Fraga percorreu o curso do río Miño, dende o seu abrollar insólito no Pedregal de Irimia, na serra luguesa de Meira, ata o seu esteiro, onde as súas augas fenden as do océano Atlántico despois de atravesar tres das catro provincias do país —tamén acariñar a beira norte de Portugal— e terse erixido en símbolo aórtico e columna vertebral da terra galega.
O lector acompaña ao escritor neste periplo natural, cultural e contemplativo, contado con amenidade e rigor, e arrolado polas cantareiras correntes de regatos e afluentes —ai, o pródigo Sil— do canal primordial de Galicia, pero tamén polas historias dos territorios, vilas, cidades, agros e vides que baña ao seu paso o imperturbable e milenario caudal do Miño. Igualmente ocúpase o seu lapis da rica e variada paisaxe humana que se reflicte na lámina das súas augas, e mesmo a que quedou asolagada polos pantanos.
Ver con outros ollos
Todos precisamos un desafío —concedía o insigne aventureiro inglés Bruce Chatwin— que nos ofreza unha escusa para vivir, e para o viaxeiro esa escusa reside en calquera soño. O coidado traballo realizado por Fraga serve agora ao viaxeiro un acaído pretexto para soñar lonxe dos cómodos catamaráns, os miradoiros sobre os espectaculares canons, as fornecidas e heroicas bodegas entre muras e os produtivos encoros —que tamén—, e facilítalle ao lector poder ver o Miño con outros ollos.