João Canijo: «Discuto dous meses coas actrices as personaxes e o tema da película»

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O cineasta luso João Canijo asegurou que era un honor o premio de Cineuropa.
O cineasta luso João Canijo asegurou que era un honor o premio de Cineuropa. XOÁN A. SOLER

O director distinguido en Cineuropa crea as pezas a partir do elenco

26 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O cineasta João Canijo (Oporto, 1957) volveu ser protagonista de Cineuropa. Se no 2011 o festival compostelán lle dedicaba unha retrospectiva, agora recoñeceu a súa traxectoria. «É un premio de xubilado, porque só se dan eses premios aos velliños», di o director nada máis comeza unha conversa chea de sorrisos e chanzas na que deseguido precisa: «Supón un honor e estou encantado, ademais por ser en Santiago, unha cidade que me encanta».

—Chega o recoñecemento despois do seu díptico, «Mal viver», premio especial do xurado na Berlinale, e «Viver mal». Xa concibiu desde o inicio que ían ser dous filmes?

—O hotel no que transcorre podía non ter clientes, pero sempre pensei que sería moito máis interesante se tiña clientes, pero había un problema, ter clientes era máis caro. Entón, non sabiamos se o orzamento da película podía incluír os clientes. Cando viñeron máis cartos doutras fontes e era posible telos, tivemos claro que serían dúas películas.

—Supuxo un reto creativo maior filmar as dúas ao mesmo tempo?

—O reto creativo era: mesmo espazo, mesmo tempo, dous puntos de vista diferentes. E unha cuestión de organización. Na claqueta había uns códigos, pero só sabiamos o que significaban o equipo técnico e eu, pero os actores non. Entón, nós sabiamos que plano era e para que película.

—O foco está na relación nai-filla?

—O tema principal de Mal viver é a ansiedade con que unha nai vive ata o punto que lle impide vivir e ser nai mesmo sendo unha nai perfecta. É unha cuestión que me interesa desde sempre. 

—Crea as películas en función do elenco artístico, non buscando aos intérpretes despois da idea.

—Iso é. Por exemplo, a actriz Rita Blanco traballa comigo desde hai 40 anos. As outras actrices foron engadíndose. Neste momento somos como unha compañíafamilia de teatro. Antes de nada, penso que no papel que esas actrices poden ter. Iso supón para min unha gran confianza e seguridade, porque as coñezo moi ben e sei o que poden achegar. Pero iso non é nada novo, Shakespeare facía o mesmo.

—Por que esa confianza no mesmo elenco artístico porque, nalgún momento, igual quere probar a introducir elementos distintos?

—Eu quero probar elementos novos pero con elas. Cando queremos introducir personaxes incorporamos novas actrices, como sucedeu agora en Mal viver e Vivir mal. Estas actrices tamén estarán na próxima película.

—Xa traballa na vindeira?

—Si. A película ten como cerne os ensaios dunha obra de teatro. Agora, estámola escribindo. Imos empezar os ensaios en 2024 e filmar no 2025. Non teño présa.

—Aportan moito as actrices á hora de escribir ese guión? Como é o proceso creativo?

—É un proceso de manipulación democrática (ri). Temos un largo período de case dous meses de discusión dos personaxes e o tema da historia. Despois, todo é transcrito e aí é onde entra a manipulación, porque só vou elixir o que me interesa. Cando temos 50-60 páxinas discutimos escena por escena. Ao final, transcribimos de novo, volve a manipulación (ri) e temos un guión dialogado completo. Pero non termina aí. Ese guión é destruído nunha improvisación, de onde vai saír a versión final. Na rodaxe non hai improvisación. Levamos 15 anos facendo isto, antes non era así porque o produtor que tiña non comprendía que gastar diñeiro cos actores antes da rodaxe é un investimento e non unha perda. Con isto vaise gañar todo na rodaxe, porque todo está ensaiado. O curioso é que Shakespeare facía o mesmo. Tiña unha idea para as obras, empezaba a ensaiar e ía roubando todo o que os actores lle daban. É entender que os actores poden ser artistas, que non son marionetas.

«O nomeamento para o Óscar? Non significa nada, non pasa nada nunca»

O filme Mal viver, ademais de gañar o premio do xurado no festival de Berlín, acaba de ser seleccionada para representar a Portugal na loita polo Óscar en lingua non inglesa. 

—Que supón que fose elixida «Mal viver» para representar a Portugal nos Óscar?

—O nomeamento para os Óscar é o nomeamento da Academia Portuguesa, e non significa nada. Non vai pasar nada nunca, porque é moi caro chegar ao nomeamento de facto final. Deses nomeamentos da Academia Portuguesa xa teño tres. Non pode ser, porque custa moito diñeiro. Hai que conseguir que os académicos, que son millares, vexan a película, e despois que voten. En España é máis fácil porque hai un «lobby» español máis importante en Estados Unidos, pero portugueses non.

—Cando estivo en Cineuropa João Pedro Rodrigues dicía que en Portugal era difícil facer películas por temas orzamentarios.

—Son da opinión contraria. O noso sistema ten unha gran vantaxe respecto ao español, xa que non depende do Ministerio de Cultura. Temos un sistema baseado en taxas sobre a publicidade en televisión, sobre os asinantes nas plataformas de cable, sobre plataformas de «streaming» e agora o que dá máis fondos é YouTube. En España, cando foi a crise económica todo se parou, pero en Portugal non porque os fondos autónomos e non veñen do orzamento estatal.

—Míranse o suficiente o cinema galego e o portugués?

—Penso que os galegos miran máis o cine portugués que os portugueses o galego. A única que lembro alí é As bestas... O novo que se está facendo empeza a saír e verse en Portugal.