Pandeiradas

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Andrés Do Barro, en Rianxo en 1972.
Andrés Do Barro, en Rianxo en 1972.

06 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

pandeirada é un antigo ritmo tradicional galego que soe estar asociado a celebracións festivas. Unha das súas características propias está no singular acompañamento percusor a base de pandeiros. O pandeiro é un instrumento dos chamados membranófonos; normalmente é de forma cadrada aínda que tamén os hai redondos aos que se lles soe coñecer co nome de pandeiras. Ritmicamente a pandeirada é moi parecida á muiñeira, con semellanzas tan notables que incluso hai quen teoriza sobre o suposto de que puidese ser o xénese das muiñeiras actuais e irmá directa das que se coñecen como muiñeiras vellas. Coa non moi de lonxe chegada das pandeiretas á nosa música, as pandeiradas déronse en chamar tamén pandeiretadas xa que a pandeireta foi introducida acompañando ou incluso substituíndo a función principal do pandeiro. O asunto é que temos un auténtico ritmo tradicional galego que só ten un homónimo, estilisticamente diferente, no Brasil onde tamén é moi popular. Alí é tocado cun tipo de pandeiretas diferentes que chaman pandeiros. Lembrei todo isto porque estou a escudriñar sobre esta forma musical galega e no camiño saíronme unha serie de referencias históricas de maior ou menor importancia pero destacables. Son múltiples as mostras de pandeiradas gravadas no tempo por diferentes agrupacións folclóricas, grupos folk, corais ou incluso grupos doutros estilos musicais. Por citar, quizais a de máis impacto sexa aquel éxito do cantor Andrés do Barro que, nos 70 e en galego, logrou chegar ao número 1 das cancións máis vendidas cun tema que titulou Pandeirada, seguindo a idea musical do xa dito. Un fito destacable e excepcional nun tempo de pouco recoñecemento á nosa lingua e á nosa cultura. Outro momento ben interesante foi cando con aquel experimento musical chamado Son Lalín, editouse un sinxelo coa Muiñeira de Chantada e a Pandeirada do Naseiro. Dous temas que foron un grande éxito nas verbenas e discotecas galegas. Tamén quixera subliñar aqueloutra gravada en Venezuela a finais dos anos 60 con letra de Farruco Sesto, música de Xulio Formoso e como tocador de pandeiro o noso Celso Emilio Ferreiro. Unha pandeirada dedicada ao Che Guevara. Curiosidades históricas.